As desinfeccións masivas, un novo perigo para o patrimonio cultural? | Historia de Galicia
Desinfección nunha igrexa / foto ipce.culturaydeporte.gob.es

As desinfeccións masivas, un novo perigo para o patrimonio cultural?

Tempo de lectura: 2 min.

O uso de produtos corrosivos como a lixivia, o amoníaco ou os deterxentes está totalmente contraindicado en cascos históricos, conxuntos patrimoniais, edificios monumentais, bens mobles ou xacementos arqueolóxicos. Así o advirten dende vai moitos anos os expertos e así o apunta un texto elaborado polo Instituto de Patrimonio Cultural de España (IPCE) enviado a diferentes institucións con competencias en limpeza pública.

E é que a desinfección con estes produtos pode supor un novo perigo para o noso patrimonio en tempos de crise sanitaria. Produtos que poden ser substituídos con relativa facilidade por outros máis inocuos. A institución advirte que antes de desinfectar, débese consultar ás opcións cos responsables do coidado e tutela do patrimonio cultural para determinar a vulnerabilidade de cada elemento.

Limpeza a presión nunha igrexa / fotoipce.culturaydeporte.gob.es

“Nos casos necesarios, e en consonancia coas recomendacións das autoridades, poderíanse empregar como alternativa solucións hidroalcohólicas diluídas ou xabóns neutros“. Ademais deben ser “aplicados sempre con presión controlada e baixo o asesoramento dun técnico en conservación de bens culturais”. Na proximidade de edificios históricos, aconséllase preferiblemente unha solución de etanol en auga a un 70%.

Non fumigar museos e evitar todo contacto con policromías

O Instituto de Patrimonio Cultural de España, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, fixo con estas recomendacións unha guía. Foi enviada o pasado día 9 de abril a todas las autonomías, Policía Nacional, Garda Civil, Unidade Militar de Emerxencias (UME) e Protección Civil, institucións que están estes días ó coidado da desinfección de espazos públicos.

Tarea de preservación do patrimonio artístico e monumental / foto ipce.culturaydeporte.gob.es

No tocante a grandes e pequenos contedores de bens culturais, como museos, arquivos ou espazos relixiosos, o organismo desaconsella as fumigacións ou pulverizacións xeneralizadas. Segundo a institución o peche ó público fai xa un mes fai bastante improbable a existencia do virus nestes lugares. Neles recoméndase a limpeza de chans portas ou asas evitando os elementos de valor artístico e empregando preferiblemente o citado etanol.

Porén, en todos os bens policromados deben evitarse con especial urxencia todos os elementos químicos. É o caso de pinturas, murais ou mobles, de tallas policromadas ou retablos. Nestes casos o organismo propón un cercado perimetral do elemento para evitar o contacto directo coas persoas.

O organismo fixo tamén un chamamento especial “á importancia social e económica e ó valor identitario que representa el patrimonio cultural”, apuntado por organismos internacionais como o ICCROM, o ICOM ou a UNESCO.

Desinfección en San Marcos de Venecia / foto ipce.culturaydeporte.gob.es

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: