fbpx
Recreación dunha moura / wikipedia

As lendas e contos dos fríos días da Vella de finais de marzo

Tempo de lectura: 6 min.

Por Lidia Mariño

A pesar do confinamento que este ano nos toca vivir, coido que se terán decatado vostedes do intenso arrefriamento do clima nestes tres últimos días de marzo. Claro, é normal, porque nos atopamos nos chamados “Días da Vella” ou “Días prestados”.

Malia que en Galicia non conservamos esta denominación, si temos un refrán -con numerosas variantes- que fai referencia tanto á Vella como ó préstamo de días entre marzo e abril. Velaquí tres exemplos entre outros moitos[1]:

A vella dícelle ó marzo:

– Vaite marzo, marzaco, cabeza de borraco, de sete becerros que tiña déixame catro.

– Cálate, cala, vellarota, cos dentes na cota, con catro que eu teño, con catro que me ha dar meu irmau abril, heiche de meter todo no chaboril.

***

Dícelle unha vella ó marzo:

– Vaite marzo, marzán, cara de can, cáse que mataches os meus becerriños na corte ca fame.

E dícelle marzo:

– Cálate, vella ruza, tres que teño e tres que me presta meu irmau abril, inda chos hei botar ó chanfaril.

***

Díxolle a vella ó marzo:

– Vaite marzo; marzaco, cabeza de borraco, de sete becerros que tiña, deixácheme catro.

Contesta o marzo á vella:

– Cálate, vella, vellarota, con dentes na cota, con tres que eu teño e catro que me ha dar o meu irmau ó vir heichos meter todos no chamburil.

E matou os sete.

 

No norte de Italia, os días da Vella son o 29, 30 e 31 de marzo. Conta a lenda como, antigamente, marzo só duraba 28 días. Ese último día do mes, unha velliña decidiu que marzo xa case rematara e ningún mal podía facerlle xa, polo que adiantouse e levou xa o seu rabaño a pastar. Marzo anoxouse, pediu tres días prestados a abril e mandou tal clima invernal que lle matou as ovellas, tal como acontece nos nosos refráns.

É esta unha pauta estendida por toda Europa, considerar que eses días de arrefriamento impropio do clima -no medio de xornadas xa case primaverais- son días que un mes presta a outro e nos que sempre intervén a Vella como explicación para o fenómeno. Sen embargo, o mes ó que corresponden estes días prestados varía duns lugares a outros, podendo ser nestas datas ou tamén entre febreiro e marzo, por ser o primeiro un mes curto que se dá á explicación do préstamo de días aínda que, como poden vostedes comprobar, o fenómeno climático acontece nestas datas.

Así, temos en bulgaria o día de baba Marta (a vella Marta) o 1 de marzo, sendo a velliña a representación deste mes e estando anoxada cos seus irmáns xaneiro e febreiro. No seu día, fai a limpeza previa a primavera, sacude as súas almofadas de plumas e estas convértense nunha intensa nevarada. Unha tradición propia deste día é regalarse martenitsi, unha parella de bonecos feitos con fío -o home en branco e a muller en vermello- como amuleto contra os espíritos malignos que están presentes ata que se establece definitivamente a primavera.

IMG_6494.jpg

En Rumanía, os primeiros nove días de marzo son os de baba Dochia. A lenda que os explica é fascinante: Baba Dochia ten un fillo casado cunha muller á que ela non aproba. Anoxada, Baba Dochia maltrátaa mandándolle ir lavar lá negra ó río, advertíndolle que non regrese ata que esta se volva branca. Un velliño -Xesús disfrazado- aparéceselle á moza e dálle unha flor vermella para que lave a lá con ela. Nese intre, a tecido trócase branco. Cando Dochia escoita a historia pensa que a primavera xa retornou, porque o velliño puido darlle unha flor, polo que se vai ás montañas co fillo e o rabaño. Vai vestida con 9 zamarras, pero está a chover e as peles móllanse e pesan, polo que cada día se vai desfacendo dunha. No último día marzo envía o frío de volta, conxelando á Vella, o rabaño e o fillo coa frauta que estaba a tocar entre os beizos. As pedras que os representan poden aíndaverse nos Cárpatos. En canto ós 9 días, tamén teñen unha compoñente oracular, pois as mulleres elixían un deles con antelación e, segundo fose o clima, así sería a súa vellez. Segundo outras versións, Baba Dochia fuxía do emperador Trajano co que non quería casarse.

IMG_6496.JPG

Esta lenda garda unha grande semellanza co conto publicado por Mackenzie  no seu libro de mitos e lendas escocesas[2]. O autor é a única referencia para a historia, polo que é posible que se trate dunha creación literaria súa a partir de fragmentos de lendas sobre a Cailleach (A Vella escocesa). Sexa como sexa, pola súa similitude coa anterior, a referencia ós días roubados e, por que non, a súa fermosura, aquí llela resumo:

Cailleach -anciá mítica creadora da paisaxe e o clima- mantén presa no seu pazo da montaña a unha moza chamada Bride (Noiva), da que o seu fillo -Angus-sempre-xoven- está namorado e da que ela sente envexa pola súa grande fermosura. Pona a servir na cociña dándolle as peores tarefas, tal se da madrasta de Cinsenta se tratase. Un día a vella envía á moza á poza da fervenza a lavar a lá escura ata conseguir que se transforme en branca. Pasou a moza varios días na inútil tarefa ata que o Pai Inverno se lle apareceu e obrou o milagre, tralo cal lle entregou un ramo de flores. Cailleach, anoxada pola perda do seu poder que as flores anunciaban, sae co seu martelo máxico e as oito meigas que a serven a causar xeadas e treboadas por toda a terra.

IMG_6491.JPG

Mentras tanto, o seu fillo Angus disponse a rescatar a Bride, tras saber que a Cailleach a mantén presa para poder prolongar o seu reinado do inverno. Para ser quen de saír da Illa da Terra-sempre-verde e acercarse a Bride, Angus pediulle a agosto tres días prestados para inserilos en febreiro, e nestas resplandecentes xornadas cabalgou vestido de ouro, no seu branco corcel, cara o pazo de Cailleach. Tras repeler as treboadas que Cailleach lle enviaba, por fin conseguiu atoparse con Bride no bosque o 1 de febreiro -día de Bride, día da Noiva na tradición,  considerado como o anuncio da primavera-, volvéndose esta de novo fermosa, despoxándose dos farrapos e celebrando alí mesmo a súa voda. Cailleach entrou en cólera, pois sabía que ese matrimonio marcaba a fin do seu reinado e comezou unha batalla contra Angus. Foron días de tempestades terribles, xeadas, a raíña do inverno atacando ó rei do verán. Cando xa en marzo semellaba que as súas forzas comezaban a achicarse, lembrouse que aínda tiña tres días máis de inverno, os tres días de febreiro que Angus trocara polos de agosto e aínda podía utilizalos agora en marzo. Sen embargo, tras facelo, atopouse esgotada, as forzas abandonábana e, chorando, bebeu as augas do Pozo da Xuventude nesa xornada na que o día e a noite teñen a mesma duración. Bride e Angus puideron tomar posesión da terra e, no momento en que o fixeron, Cailleach caeu nun profundo sono do que non espertaría ata o outono.

IMG_6495.JPG

O conto remata con estas palabras: Nos vellos tempos, cando non había un calendario en Escocia, a xente nomeaba os diversos períodos de inverno e primavera, tormenta e calma, como mencionei. A historia da loita entre Angus e Cailleach é a historia da loita entre a primavera e o inverno, crecemento e decadencia, luz e escuridade, calor e frío.

Xa saben, mantéñanse abrigados mentres duren os Días da Vella, que xa vai cansa e pouco queda para que podamos sentir de novo o sol nas nosas testas e o perfume das flores envolvéndonos. Cóidense e haxa saúde.

[1] TABOADA CHIVITE, x. (): Refraneiro galego. En Cadernos de fraseoloxía galega 2. Xunta de Galicia e Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.

[2] MACKENZIE, D. A. (1917): Wonder tales from scottish myth and legend. Frederick A. Stokes Co., Nova Iorque.

BIBLIOGRAFÍA:

  • GARGALLO GIL, J.E. e RUIZ-ZORRILLA CRUZATE, MARC (2012): El concepto de “veranillo” en Europa. Ensayo semántico-motivacional. Géolinguistique, 13.
  • MACKENZIE, D. A. (1917): Wonder tales from scottish myth and legend. Frederick A. Stokes Co., Nova Iorque.
  • TABOADA CHIVITE, x. (2000): Refraneiro galego. En Cadernos de fraseoloxía galega 2. Xunta de Galicia e Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades.

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...