fbpx
Hórreo de Carnota / foto dkatanaCC0

Carnota reinventa o seu turismo cunha aventura virtual

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Carnota quere reinventar o seu turismo. Por iso nos últimos días lanzou un desafío ós seus futuros visitantes. Trátase dun xogo ou aventura a través de Guiaventuras para descubrir in situ (tamén é posible facelo en virtual con algo máis de imaxinación e esforzo) a súa historia e os seus monumentos.

É un pequeno xogo de dificultade non moi alta no que o usuario ten que buscar pistas no lugar e responder preguntas sobre el para seguir avanzando. Trátase de completar o percorrido turístico mentres se desfruta e se coñece o patrimonio e a historia do lugar. O itinerario, que discorre pola vila e arredores máis próximos, permite coñecer monumentos como o seu monumental hórreo, a súa igrexa, praia ou a capela de San Gregorio, entre outros.

Areal de Carnota / foto Concello de Carnota

A aventura non precisa da descarga de ningunha aplicación. Guiaventuras é, de feito, unha páxina web colaborativa na que os propios usuarios poden subir o seu xogo, porén, polo xeral, o contido está xerado por organismos, empresas e entidades culturais e turísticas. Polo de agora, tan so existen dúas aventuras en Galicia, xunto a de Carnota a do Ecomuseo Pazo de Arxeriz no Saviñao.

Un museo arqueolóxico aberto

Ademais desta iniciativa o Concello de Carnota xa tivo no pasado outras iniciativas dixitais enfocadas ó turismo e patrimonio. Unha delas foi a creación dun Museo Arqueolóxico Aberto. Nel, a través de indicacións in situ e co apoio da súa páxina web, se formula un discurso museográfico ó redor de ata sete monumentos das Idades do Ferro e Bronce do Concello.

Panel da Laxe Escrita de Carnota / foto Concello de Carnota

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...