fbpx
Illa de San Simón que foi empregada como lazareto / foto turismo.gal

Catro grandes edificios galegos que nos protexeron das epidemias

Tempo de lectura: 5 min.

Como vimos estes días noutro artigo, os lazaretos foron aqueles edificios que nos protexeron das grandes epidemias. Estaban ás aforas das cidades, extramuros, ou no caso das cidades costeiras en grandes espazos ventilados lonxe dos portos ou en illas. Servían para tratar a persoas con enfermidades infecciosas ou para poñer en corentena xentes, embarcacións ou mercadorías procedentes de lugares lonxanos ou sospeitosos de infección.

En Galicia tivemos unha grande cantidade de hospitais e lazaretos, xa que no noso territorio o Camiño de Santiago e máis os grandes espazos costeiros precisaron con excepcionalidade destas tipoloxías. Tamén, por estes motivos, no noso territorio tivo unha enorme sona a advocación a San Roque, santo protector da epidemias. En Galicia conservamos algúns hospitais e lazaretos históricos, máis estes catro son dunha singularidade excepcional.

Unha foto antiga da Illa de Santo Antón, na Coruña / Alberto Martí-Villardefrancos

O Castelo de Santo Antón na Coruña

O Castelo de Santo Antón é un singular castelo-illa situado na entrada do porto da cidade da Coruña. Foi construído no século XVI, xunto co de Santa Cruz en Oleiros, o de San Amaro e o de San Diego en Oza, dentro dunha rede de baterías de defensa da cidade e da baía. Toma o seu nome da capela que xa na Idade Media se atopaba na illa en advocación a Santo Antón. Daquela era empregada para confinar ós navegantes que sufrían o lume de Santo Antón ou a enfermidade do ergotismo.

Como castelo foi construído a raíz dunha visita de Carlos V en abril de 1520, para defender a ría fronte ós piratas ingleses. Dise que na súa construción se empregaron perpiaños da parte derrubada da Torre de Hércules, que veu partir parte da Armada Invencible e que sufriu o ataque de Francis Drake sen estar rematada. Foi empregado como prisión e despois do século XVIII, volveu ser empregado como lazareto. Foi declarado en 1949 como Monumento Histórico Artístico, hoxe BIC, e dende 1968 alberga o Museo Arqueolóxico e Histórico da provincia.

Castelo de Santo Antón onde dende 1968 se localiza o Museo Arqueolóxico da Coruña / foto HdG

O Hospital de San Roque en Santiago de Compostela

Santiago conserva un barrio de San Lázaro, na entrada do Camiño Francés na cidade e a moita distancia da cidade murada. Porén, extramuros do casco histórico conserva outro edificio que ten por orixe un antigo hospital dedicado a San Roque, protector das epidemias. Na Idade Media xa existía unha capela sobre o lugar, pero foi en 1578 cando se inaugurou como hospital, logo das terribles epidemias de peste negra que asolaron a cidade no século XVI.

De entre os edificios históricos con función hospitalaria que conservamos en Galicia é, sen dúbida, un dos máis monumentais e nos dá idea de como puido ser esta tipoloxía. O monumental edificio foi levantado en estilo renacentista por Gaspar de Arce, mestre de obras da catedral, aínda que despois se lle engadiran partes no século XVIII. Destaca polo seu claustro clasicista e a súa igrexa con retablos de Simón Rodríguez. Hoxe é sede do Instituto Padre Sarmiento e do o Centro Ramón Piñeiro.

Hospital de San Roque en Santiago de Compostela / foto amaianosCCBy Wikimedia

A Illa de San Simón na ría de Vigo

A Illa de San Simón é, se cadra, o gran lazareto de Galicia. No medio do esteiro de Rande, na ría de Vigo, foi capela, mosteiro, lazareto, cárcere, campo de concentración, e fogar para nenos orfos. No súa actual imaxe romántica escóndese, porén, un dos lugares cunha historia tráxica e de sufrimento da xeografía galega.

O lugar tivo un gran esplendor durante a Idade Media, sendo un gran centro monástico xurdido dun antigo cenobio polo seu lugar excepcional para a vida ascética. O lugar cítase nas cantigas de Mendinho, Johan de Cangas e Martín Códax. Nos séculos XII e XIII estivo habitado por templarios e despois por franciscanos, mais en 1307 os relixiosos abandonaran a illa. Pertenceu a Isabel a Católica e foi saqueada en múltiples ocasións por piratas como Francis Drake.

Illa de San Simón, na Ría de Vigo / amigoscc.es

Mais foi a partir de 1838 cando comezou a empregarse como lazareto, en concreto como leprosería. Nunha das illas, a de Santo Antón, estarían os enfermos sen cura, mentres na de San Simón estarían os que aínda tiñan esperanza. Tamén se empregou para as corentenas dos portos da ría, sobre todo o de Vigo, navíos da ruta americana e vías marítimas de longo percorrido. A leprosería estivo activa ata 1927.

Porén o seu momento máis escuro foi dende 1936 cando se converteu en campo de concentración e exterminio franquista, ó que chegaron máis de 6.000 presos. Foi un dos lugares máis temibles do réxime, dos que se dicía que non se regresaba. Despois disto, entre 1955 e 1963, foi fogar de orfos. En 1999 foi declarada BIC e pouco despois rehabilitada polo arquitecto César Portela e empregada como Centro de Recuperación da Memoria Histórica. Hoxe é unha illa-museo.

A Illa de San Simón foi empregada como lazareto / foto HdG

O hospital de Oza na Coruña

Xunto co castelo de Santo Antón, San Amaro e Santa Cruz, Oza formou parte das defensas renacentistas da cidade da Coruña. É o outro vértice que formaba a baía do porto da Coruña xunto o castelo de Santo Antón. En Oza existiu unha praia natural que viu acontecementos como o desembarco das tropas británicas durante o asalto de Francis Drake de 1589. Neste lugar existiu unha fortaleza, capela, faro e máis tarde un hospital.

O lazareto foi levantado en 1888. Foi empregado durante a Guerra de Cuba como refuxio de feridos, mais dende 1910 converteuse en Sanatorio Marítimo, para o tratamento da tuberculose. Nestas datas construíuse o hospital de estilo modernista que hoxe conservamos, como parte da facultade de enfermería e que foi rehabilitado por Manuel López Mihura e Sonia Romero. Tamén o pavillón de Colonias, obra de Pedro Mariño, hoxe dentro dun moderno conxunto de formación e hospitalario rehabilitado polos arquitecto Andrés Reboredo Santos.

Lanterna do faro de Oza na Coruña / foto Gaelx Wikimedica CCBy

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...