fbpx
Virxe do Cruceiro Novo da Pobra / foto de Xosé Lois Piñeiro

Continúan as desfeitas patrimoniais en Barbanza coa desaparición da imaxe dun singular cruceiro da Pobra

Tempo de lectura: < 1 min.

Esta está a ser unha semana escura para o patrimonio cultural da península de Barbanza. Pois ós destrozos no camiño do castro Baroña e o perigoso amoreamento de madeira ó pé das mámoas de Montemuíño, no día de hoxe hai que sumar un novo atentado contra outro outro elemento do noso patrimonio rural.

E é que na pasada noite a imaxe do Cruceiro Novo de Santo Isidoro de Posmarcos na Pobra do Caramiñal foi roubada. Os ladróns aproveitaron a noite e máis a corentena para levar a escultura da Virxe que forma parte do cruceiro dentro dunha capeliña ou fornelo. A imaxe formaría parte dun conxunto datado con toda probabilidade no século XVIII, mais que como escultura podería ser anterior, posiblemente do século XVI.

Así, o conxunto, probablemente reconstruído no século XVIII, de aí o seu nome, pertence á tipoloxía de cruceiros de Barbanza e Rías Baixas, denominados de capeliña ou de loreto. Era ademais un dos exemplos máis significativos desta tipoloxía e destacaba pola feitura tanto do seu Cristo crucificado como da desaparecida Virxe. A imaxe roubada fora restaurada no ano 2012. Os feitos xa se atopan denunciados na Garda Civil.

Pode que che interese...