fbpx
Castro da Croa ou de Posmarcos na Pobra / foto Patrimonio Galego

O Concello da Pobra recuperará o Castro da Croa

Tempo de lectura: < 1 min.

O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, de Nós Pobra, anunciou a pasada semana a intención de mercar varios terreos que forman unha parte considerable do recinto do castro da Croa, na parroquia de San Isidro de Posmarcos. Entre eles o lugar no que se atopa a súa entrada principal. Xa a comezos de mes, coa supervisión dun arqueólogo e co permiso de Patrimonio, comezara coa tala de eucaliptos no lugar, o que xunto coa compra comezará a deixar ó recinto preparado para futuras intervencións arqueolóxicas.

Mais o executivo local non puido facerse polo de agora con todas as propiedades senón tan só coas máis grandes, xa que o recinto protexido está conformado por máis de 25, moitas delas de complicada localización dos propietarios. Porén o Concello mercará unha superficie equivalente a 8.804 metros cadrados, catalogados como solo rústico de protección patrimonial e forestal. Para isto o Concello solicitará un crédito por importe de 80.000 euros.

O obxectivo é que unha vez o terreo sexa mercado sexa incorporado ó proxecto do Parque Arqueolóxico da Idade do Ferro da Mancomunidade Arousa-Norte, que conta cun orzamento para actuacións de medio millón de euros por parte da Deputación Provincial da Coruña, co que o xacemento comezará a estudarse e pórse en valor. Así, o castro da Croa, será xunto co de Folgoso Vello, en Santa Cruz, os únicos castros escavados do Concello e unha futura fonte de valor.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...