fbpx
Illas Sisargas / foto Victor Otero Cao CCBy Flickr

Os misterios das Illas Sisargas, lugar de Aras Sextianas e antigos cultos ós ofidios

Tempo de lectura: 3 min.

As illas Sisargas son un arquipélago situado  fronte a Malpica de Bergantiños, na Costa da Morte. O arquipélago está formado por tres illas a Sisarga Grande, que acolle un faro e un embarcadoiro, a illa Sisarga Chica e a illa Malante, situada entre as dúas. Están moi preto da Costa, a menos de 750 m da costa e moi preto tamén do santuario de San Hadrián. As illas son un gran refuxio de flora e de aves, mais, a excepción delas e dos fareiros, non se ten constancia de que nunca estiveran habitadas.

As illas Caesaricas

Porén as illas Sisargas si son un dos lugares máis cargados de historia e de lenda do extremo bergantiñán da Costa da Morte. Para algúns autores nas illas puido haber un culto a Hércules. Mais entre as súa historia parece moito máis probable que nelas se localizaran efectivamente as Aras Sextianas ou altares de sacrificio na honra de César Augusto citadas por Plinio e máis por Ptolomeo.

Delas afirmábase que estarían nalgún lugar da costa occidental da Galaecia. Hai autores que as situarían no monte Pindo, nos Penedos de Traba ou mesmo en Fisterra. Mais a hipótese máis sólida é que se atoparan nestas illas. O gran argumento está na súa etimoloxía pois o propio nome das illas, as Caesaricas ou illas do César, recollida nalgunhas fontes histórica, poderían confirmar esta localización.

Illas Sisargas / foto Mario Sánchez CCBy Wikimedia

San Hadrián e culto ós ofidios

Mais non é o único interese lendario das illas, pois en torno ó lugar fálase tamén da posibilidade de que en tempos puidera ser zona de cultos ós ofidios ou serpes. A lenda fala de como San Hadrián liberaría o lugar destes animais. Nalgunhas variantes da lenda fálase de como o pé do monte Beo, a costa máis próxima as illas, o santo liberaría a poboación dunha gran serpe. Faríao con dous toques secos do seu bastón no chan ou ben esmagando a cabeza do monstro co pé, segundo a versión, xusto antes de que esta nadara cara as illas.

Así, segundo a tradición, as illas quedarían libres de serpes para sempre. Isto fálanos precisamente dunha posible cristianización de cultos pagáns. A apelacións repítese en diferentes lugares da zona, como en Gondomil, no concello de Ponteceso, onde se atopa a Pedra da Serpe, unha escultura con forma de ofidio alado sacralizada cunha cruz, que de novo recolle a lenda da expulsión destes animais polo santo. É posible precisamente que a capela veciña das illas fora construída no lugar para cristianizar cultos precedentes.

Pedra da Serpe, en Ponteceso / megaliticia.blogspot.com

Capelas, piratas e naufraxios

Porén o que si parece certo é que o arquipélago tivo de por si unha ermida no seu interior. Estivo dedicada a santa Mariña e pénsase que puidera corresponder cunhas ruínas na zona sudeste da Sisarga Grande. Cóntase que puido ser destruída polo corsario inglés Francis Drake a finais do século XVI, quen, se cadra, podería empregar tamén as illas como refuxio. A capela formaría parte da xurisdición de Mens e da casa de Altamira.

Así, as illas puideron ser santuario mais ademais lugar de recalada de barcos pesqueiros e piratas. Son tamén un dos eixos da Costa da Morte e por isto que a Sisarga Grande posúe tamén un dos faros máis antigos de Galicia. É o segundo da Costa da Morte, inaugurado en xuño de 1853, tras o de Fisterra. Cóntase tamén que as illas foron lugar de grandes e pequenos naufraxios como o do Malante e Magnánimo a finais do século XVIII, o francés Román de Madrians ou os ingleses Siddon e Priam a finais do XIX e varios pesqueiros galegos a finais do XX.

Illas Sisargas / foto RicardoCCBy Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...