Que fai un arqueólogo durante un confinamento? | Historia de Galicia
Diálogo Consello María José Bóveda, Francisco Alonso Toucido e Manuel Gago / foto Consello da Cultrua Galega

Que fai un arqueólogo durante un confinamento?

Tempo de lectura: 2 min.

Coñecer as súas expectativas de futuro a curto e medio prazo así como as medidas que cren necesario adoptar fronte á parálise pola Covid-19. Ese é o obxectivo dos Diálogos Confinados, un ciclo de conversas organizado polo Consello da Cultura Galega entre diferentes profesionais do sector cultural galego. Trátase coñecer a cultura confinada dende Galicia e as súas perspectivas e demandas para un futuro inmediato.

Concibidos como unha serie de entregas audiovisuais, a modo de pílulas culturais, os Diálogos Confinados tratarán de darlle voz á cultura galega nesta complicada situación. Serán, de feito, diferentes voces dos múltiples ámbitos os que nos falarán da súa situación durante a parálise e achegarannos as súas percepcións sobre a realidade que están a vivir. Farano a través de breves diálogos moderados por persoas vinculadas ó Consello da Cultura Galega.

A arqueoloxía, unha profesión entre dúas crises

O primeiro diálogo, desenvolvido no día de hoxe reflexionou, precisamente sobre a problemática do mundo da arqueoloxía. Nomeado como “Arqueoloxía de xestión” e moderado por Manuel Gago, director de culturagalega.gal, serviu para analizar o traballo realizado durante este tempo polo sector da arqueoloxía, sobre os seus problemas e retos de futuro.

 

E é que o parón nas escavacións tivo por forza que verse traducido en traballo de gabinete, contacto e divulgación do traballo científico. Constatan que o seu traballo vai sufrir as consecuencias das novas medidas de distanciamento social tanto nas prospeccións como na divulgación xa que a fenda dixital dificultará o contacto con novos públicos.

No tocante ó futuro, lembran que a situación de partida, tras a crise de 2008 foi xa de por si mala, e a arqueoloxía de xestión é un sector pouco capitalizado. Porén, consideran que hai vías interesantes para explorar o futuro, como é o das visitas patrimoniais reducidas, máis alá da explotación turística de grandes xacementos.

Neste primeiro Diálogo Gago, conversa con dúas personalidades do mundo da arqueoloxía, Francisco Alonso Toucido e Mª José Bóveda Fernández. O primeiro é investigador da USC e membro do grupo de investigación Síncrisis e xerente da empresa patrimonial Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL. Bóveda é, entre outras moitas actividades, xerente da empresa Gabinete de Arqueoloxía dende o ano 2003 e directora de escavación como o túmulo 1 de Chousa Nova, en Silleda, ou o Castelo da Rocha Forte en Santiago de Compostela.

Un arqueólogo traballando / foto JamesDeMersCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: