Ven a luz nun xornal da Costa da Morte as primeiras fotografías conservadas do Cabo Fisterra | Historia de Galicia
Detalle dunah das fotografáis de 1888 / foto Que pasa na costa

Ven a luz nun xornal da Costa da Morte as primeiras fotografías conservadas do Cabo Fisterra

Tempo de lectura: 2 min.

Hoxe é, seguramente, xunto coa catedral de Santiago, o lugar máis fotografado de Galicia. Porén o faro non conta con documentos fotográficos dunha antigüidade especial. Ou así era ata o pasado fin de semana, cando o xornal Que pasa na costa, publicaba xunto cun detallado artigo de Suso Jurjo, as fotos máis antigas achadas ata hoxe sobre o monumento.

As imaxes remóntanse ó 19 de decembro de 1888, 35 anos despois de entrar en funcionamento o faro, e ó redor de medio século despois da aparición da propia técnica da fotografía. Trátase de dúas fotografías, unha horizontal e outra vertical, de albúmina de 20,50×13,30 cm e 22,70×14,90, sobre cartón ou partasú de 35,00×28,00. Nel aparece a data das fotos e o o fabricante do papel, a casa francesa Blanchet Frères.

As imaxes mostran dúas vistas do faro dende o seu lado sudoeste, unha a altura da “vaca” e outra un pouco máis alonxada. Así a horizontal amosa o edificio da sirena, que estaría en construción nese momento, co faro tras de ela, mentres a outra amosa unha imaxe vertical do da torre en toda a súa altura. Nesta segunda aprovéitase para retratar, ademais, a un grupo de dez persoas, probablemente personalidades e os propios torreiros.

As fotos son un documento histórico excepcional, xa que ademais da vida e do funcionamento do faro na época, recollen algunhas diferencias co faro actual. Entre elas a maior presenza da torre octogonal fronte o edificio do fareiro que polo de aquela tería tan so un andar. Tamén se pode apreciar a singular lanterna que posuiría naquel momento un peitoril metálico, así como a ausencia na torre dunha fiestra e unha porta que vemos no momento actual.

O artigo, é ademais un estudo en profundidade do achado no que se conta co asesoramento de expertos. Nel afóndase sobre a importancia das imaxes, xa que, a pesar de ser xa nun momento tardío, no que a fotografía en Galicia xa está consolidada, non era moi posible achar a representación do lugar. Fisterra daquela estaba moi afastada dos grandes centros de fotografía do momento nun tempo no que aínda o material fotográfico era pesado de transportar.

Conxunto do faro de Fisterra, co semáforo en primeiro termo / foto makuninCC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: