fbpx
Corpus de Ponteareas / foto Lameiro CCBy Wikimedia

A declaración de BIC do Corpus de Ponteareas nun caixón da Xunta dende vai preto de dous anos e medio

Tempo de lectura: 2 min.

Alfombras feitas con follas, flores e outros elementos naturais, recubrindo as principais rúas da vila. Confeccionadas manualmente polas mulleres da localidade na madrugada do sábado e que, durante a procesión da Virxe do domingo, desaparecen baixo os pés dos fieis acabando con máis dun mes de preparativos.

Esta é a festa do Corpus de Ponteareas, a máis famosa entre este tipo de celebracións galegas e españolas, que xa en 1980 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional e, máis tarde, en 2009, Festa de Interese Turístico Internacional. Porén, e sendo unha das manifestacións máis importantes do noso patrimonio inmaterial relixioso, a día de hoxe non é de Ben de Interese Cultural.

E é precisamente por isto polo que o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, reclamoulle nos pasados días á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia a información sobre o expediente da festa. Pois “fai xa dous anos que entregamos toda a documentación necesaria para que abrir o expediente, pero descoñecemos cal é a situación de tramitación actual, así como a valoración da Xunta”.

Corpus de Ponteareas / foto Lameiro CCBy Wikimedia

De feito, segundo se recolle no artigo 9.3 da lei a Lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia, esta celebración cumpre co perfil adecuado para ser Ben de Interese Cultural por tradición, historia, artesanía e participación veciñal. Do mesmo xeito o Concello en febreiro de 2018 presentou unha solicitude ben informada na que se levaba traballando dende moitos meses atrás.

Unha edición virtual e de balcón

Este ano a Festa do Corpus coincidiría co 40 aniversario da declaración como Festa de Interese Nacional. Porén, por mor da Covid-19, como non pode ser de outro xeito a edición deste ano contará con severas restricións. É por isto que o Concello quere facer uso das tecnoloxías e das redes sociais para desenvolver a festa. Estase a traballar tamén nunha programación de balcón para vivir a festa pero mantendo o distanciamento social.

Para o Concello sería un gran luxo que este ano esta declaración estivera acompañada pola declaración de BIC. Mais non existe aínda unha resposta. Tal e como declaraba Represas, “neste momento, no que non podemos confeccionar as alfombras florais nin celebrar o Corpus polo coronavirus, a declaración de BIC suporía un gran recoñecemento para os veciños e veciñas portadores desta tradición dende vai dous séculos”.

Corpus de Ponteareas / foto Lameiro CCBy Wikimedia

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...