A principal asociación en defensa do Monte Pindo decide facerlle fronte á Xunta pola corta de 6.000 árbores | Historia de Galicia
Castelo de San Xurxo no Pindo / foto Noel Feans Wikimedia CCBy

A principal asociación en defensa do Monte Pindo decide facerlle fronte á Xunta pola corta de 6.000 árbores

Tempo de lectura: 2 min.

A pasada semana o xornal Galicia Confidencial recollía a nova. A Xunta eliminará 6.000 árbores no Monte Pindo para evitar os incendios forestais. Facíase dentro dun programa piloto de prevención no Distrito V forestal, correspondente con varios concellos da Costa da Morte, que contemplaba cortas e “queimas controladas” de 375 ha.

É precisamente por isto e sen ter máis información que pola prensa polo que a Asociación Monte Pindo Parque Natural emprazará a Xunta a dar explicacións da medida. Convocará tamén unha mesa de diálogo por vía telemática aberta ás persoas e entidades con sensibilidade ambiental da comarca para debater sobre o tema e coordinar as diferentes accións para defender a ambientalidade da comarca e do monte.

Mediante un comunicado na súa páxina web a asociación denuncia que colleu desprevida á sociedade, pois non existiu ningún diálogo previo da Xunta nin coas entidades ecoloxistas, nin sociais, nin as comunidades de montes. Por isto solicitará información á Consellería de Medio Ambiente, para coñecer de que especies se trata e en que zonas.

Monte Pindo logo do incendio de 2013 / Asociación Monte Pindo

Un golpe mortal á biodiversidade

A asociación afirma “non entender a eliminación da cuberta vexetal se non se contempla a súa inmediata substitución por especies arbóreas autóctonas”. Pois o solo do Monte Pindo está moi afectado polos incendios, “dando como resultado unha cuberta vexetal mínima”. “Eliminar a pouca vexetación que o protexe deixará o solo desprotexido ante a erosión e a choiva”, podendo ser “un golpe mortal á biodiversidade”.

Defende tamén que “aínda que se trate da tala de especies alóctonas coma eucaliptos, entende que calquera actuación de eliminación debe facerse por medios manuais e non por queimas indiscriminadas (mal chamadas controladas) que poden afectar á biodiversidade endémica do espazo protexido. A asociación pon á disposición do público un formulario para a inscrición no encontro dixital.

Monte Pindo con Fisterra ó fondo / foto Cheligrafía CC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: