fbpx
Castro da Vela, mal delimitado no visor da Xunta

A Xunta cataloga mal numerosos bens arqueolóxicos poñendo en perigo a súa conservación

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e Mariña Patrimonio denuncian que a Xunta de Galicia “pon en perigo” numerosos xacementos arqueolóxicos ao publicar información errada sobre a súa delimitación xeográfica, entre eles o Castro do Coto da Vela (Xove) ou oito castros no municipio de Ribadeo.

As dúas asociacións afirman que “no pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1,1 millóns de euros, era o de revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos Bens de Interese Cultural e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede”.

Os dous colectivos detectaron, con todo, que os lindes marcados “dun considerable número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM”, salientan.

Exemplos son, alertan, “o caso do concello de Ribadeo onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen protección“. Toda a información no Xornal da Mariña.