fbpx
Tabacalera da Coruña foto histórica

Así foron as mulleres da Fábrica de Tabacos pioneiras da loita obreira en Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

A Tabacaleira da Coruña funcionou dende comezos do século XIX e ó longo de case dous séculos foi un dos motores industriais da cidade. Chegou a contar con máis de 2.000 traballadoras ó remate do primeiro terzo do século e unhas 4.000 no seguinte. A maioría destas traballadoras eran mulleres e ó longo da súa historia foron protagonistas de algúns dos episodios máis importantes da loita dos traballadores en Galicia.

Foi sobre todo en dúas folgas. Foron as de 1831, que rematou con corenta mulleres na cadea e varias fuxidas da cidade ata un indulto da rexente María Cristina, e a de 1857, un dos grandes episodios nacionais de ludismo ou de loita fronte ás propias máquinas. Estes dous acontecementos forman parte das grandes loitas laborais de Galicia e escriben varias páxinas de excepcional importancia da nosa historia sindical.

Porén, aínda que se coñecen algúns, os nomes das súas protagonistas non pasaron á historia. Polo xeral a estas dirixentes da loita polos dereitos dos traballadores non se lles permitía participar nas grandes organizacións sindicais ou nas grandes mobilizacións. Mais foi grazas a elas, o seu exemplo, e o papel que tomaron co seu traballo remunerado sostendo ós seus homes, que puideron desenvolverse os grandes movementos e estruturas sindicais da cidade.

A Tabacalera da Coruña / foto histórica

A folga de 1831

Na fábrica de tabacos da cidade eran maioritariamente mulleres. Na documentación histórica falábase das súas mans áxiles, mais como a historiografía apunta, a razón real era que neste oficio, considerado feminino, a elas se lles pagaba moito menos. Considerábase que a actividade ó pagarse por horas era máis flexible para o traballo doméstico, mais as condicións de traballo non eran en absoluto liviás.

A realidade é que as duras condicións de traballo daban lugar á un certo apoio mutuo e interxeracional, que cando vía reducida a carga de traballo daba lugar a conflitos laborais. Así foi o 3 marzo de 1831, nunha gran folga en defensa das condicións de traballo así como na diminución da carga na factoría.

A folga deu lugar a intervención de membros da milicia na cidade, que disolveron contundentemente a manifestación, segundo se relata, entre as pedradas das traballadoras. Mais os altercados seguiron en diferentes lugares da cidade como no peirao de Aduana e de novo na propia fábrica, onde unha vez máis o coronel Ildefonso Perich reprime con dureza encarcelando a varias delas.

O día seguinte o Capitán Xeral ordena endurecer as medidas represivas, iniciándose arrestos masivos na cidade. Aínda que foron liberadas, o proceso reabrirase en xaneiro do seguinte ano 1832 o que provocará a fuxida da cidade de moitas das protagonistas. Finalmente o 7 de outubro de 1832 serán indultadas pola raíña rexente María Cristina.

Fábricas nas Xuvias e Fábrica de tabaco en último termo / foto histórica

A folga de 1857

Un cuarto de século despois a situación se repite. Sendo agora moito máis numeroso o colectivo de traballadoras. A folga produciuse un 7 de decembro e os motivos nesta ocasión derivaron da ameaza de perda de moitos traballos por mor da adquisición pola empresa de novas máquinas de picar tabaco.

Así o 7 de decembro de 1857, ás 11 da mañá, iníciase a folga na factoría. As protestas nesta ocasión dirixíronse contra as oficinas, o material e as máquinas, que acabaron no mar. De novo a Capitanía Xeral e o Gobernador Civil envían tropas de infantería e cabalería para acabar coa protesta, que remata coa detención de máis de 20 traballadoras.

En xaneiro de 1858 comezaba un proceso contra 22 mulleres como presuntas dirixentes da protesta. Porén o procedemento non chegou a rematarse sendo postas en liberdade e readmitidas no seu emprego tempo despois. Tras a represión da folga as traballadoras tiveron que volver o traballo, mais a adquisición de máquinas se adiou e por un tempo seguiu a contratarse novas traballadoras.

Edificio Sindicatos da Coruña / foto histórica

Tras isto o movemento sindical continuou latente. Se ben o sindicalismo feminino non foi ben visto no século XIX e os dirixentes sindicais non eran partidarios de que elas se asociaran, esta situación acabou por cambiar na época do ferrolán Severino Chacón. Foi este líder quen  unificou o sindicalismo das cigarreiras de todas España, grazas á creación da Unión Tabacalera en 1916. Aínda que o sindicalismo feminino foi amplamente esquecido o certo é que foi un dos grandes activos da nosa historia industrial e berce de grandes avances para os traballadores.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...