fbpx
Traballadoras de Massó detalle do calendario

Cando as mulleres foron e son o motor das industrias do mar galegas

Tempo de lectura: 4 min.

Na década de 1930 nas industrias de Massó traballaban 600 mulleres e menos de 100 homes. Elas foron o motor fundamental dunha das industrias máis importantes de Galicia que aínda a día de hoxe segue a ter no traballo feminino un dos seus sinais de identidade.

E é que a industrialización dos produtos do mar, dende comezos do século XIX ata a actualidade, desenvolveuse con man de obra feminina. Un destes grandes exemplos produciuse nas industrias de Massó, distribuídas nas comarcas do Morrazo, Fisterra e Mariña Central e que resulta imprescindible para entender a variante de xénero na industrialización de Galicia.

Hoxe o recordo daquelas grandes industriais que salpicaron, e que aínda a día de hoxe salpican a costa galega, teñen o seu expoñente no Museo Massó do Mar localizado na vila de Bueu. A contribución destas obreiras fíxose esencial para o desenvolvemento industrial e o crecemento económico de Galicia.

Traballadoras de Massó detalle do calendario divulgativo

A chegada de Massó e a industria

A historia comeza coa iniciativa dun home, o empresario catalán Salvador Massó Palau, cando en 1816 chegou á vila de Bueu para pór en marcha unha industria de salgadura, unha das industrias da Galicia do momento. A vila acollería daquela a primeira factoría da familia, transformándose pouco despois as primeiras industrias conserveiras galegas.

Foron os seus fillos Gaspar, Francisca e Salvador os que continuaron coa iniciativa industrial e en 1926 abrirían unha segunda conserveira na vila. Mais tarde, unha terceira xeración, en alianza cos irmáns Fernández López, convertera aquela industria na máis grande conserveira galega, e nunha das industrias do mar máis importantes da península, con factorías como a de Cangas ou a Baleeira de Cee.

Unha industria feminina

Mais, alén da iniciativa industrial, as grandes protagonistas das industrias de Massó foron as súas traballadoras. Do mesmo xeito que acontecía coas cigarreiras da Coruña, as traballadoras das industrias Massó, tanto nas salgaduras como nas conserveiras, eran persoal feminino.

Traballadoras de Massó / detalle do vídeo elaborado con fotos do fondo co gallo do Día dos Museos e que podes ver aquí

Isto foi ante todo por unha brecha de xénero moi común en Galicia dende o século XIX. Os motivos eran o abaratamento dos custos baixo a crenza de que elas eran máis adecuadas para os traballos de habilidade mentres eles seguirían a ocuparse dos traballos do mar e de algúns traballos de forza. O certo é que o persoal feminino podía cobrar ata un 50% menos que eles.

Esta división do traballo encaixaba tamén coa estrutura familiar herdada, onde os homes ían ó mar e elas adicábanse a tarefas familiares, hortas, animais e como cosido de redes. Nas industrias de Massó os traballos masculinos limitábanse á dirección, o mar ou a atender as máquinas.

Imprescindibles para a industrialización de Galicia

O persoal feminino constituíu así preto dun 90% da man de obra da empresa. Ademais os seus salarios convertéronse nun verdadeiro activo para o desenvolvemento das economías destas comarcas, onde a aportación feminina fíxose esencial para a subsistencia das economías familiares.

Museo Massó en Bueu / foto museos.xunta.gal

Isto non as eximía do traballo doméstico, que seguiron exercendo, tamén, sen recoñecemento, aínda que o seu traballo asalariado lles confería unha maior presencia no espazo social que en outros lugares de Galicia. Ademais estes traballos adaptábanse mellor ás responsabilidades que daquela recaían sobre a muller, pois gozaban dunha flexibilidade laboral maior.

Así, por unha banda os seus salarios foron imprescindibles para superar os niveis de subsistencia, pola outra o recibir salarios moito máis baixos posibilitaron o desenrolo das industrias. O traballo feminino abaratou os custos de produción e provocou que a industria galega fose máis competitiva, dando lugar a unha progresiva intensificación industrial das rías.

O desenrolo destas industrias trouxo á súa vez un determinado progreso ás vilas nas que se asentaban, xa que os industriais, xa fora por responsabilidade ou paternalismo deron lugar a creación de infraestruturas como vivendas ou escolas para as familias traballadoras. Tamén axudaron a introducir en Galicia as primeiras garderías, asistencia social ou dereito á conciliación familiar nas factorías.

Traballo en Massó / detalle do vídeo elaborado con fotos do fondo co gallo do Día dos Museos e que podes ver aquí

O seu recoñecemento

Ó longo da década de 1990 irían cerrando as diferentes factorías de Massó e no ano 2011 pasaría a formar parte Grupo Conservas Garavilla. As factorías da marca ficarían dende aquela en ruínas, como é o caso da gran factoría de Cangas ou da baleira de Caneliñas en Cee. Porén no caso da segunda factoría de Bueu despois duns anos de abandono acabou por converterse en museo.

Trátase do Museo Massó do Mar de Bueu, que forma parte da rede de museos da Xunta de Galicia. Nel se recolle non só maquinaria, útiles e obxectos de colección da época senón tamén parte do que no seu día fora o pequeno museo e biblioteca da familia. Dentro deste arquivo familiar figura un gran fondo fotográfico, no que, practicamente na súa totalidade o protagonismo é feminino.

Entre as actividades do museo non esquece o papel das antigas traballadoras da factoría, así como o papel en xeral das mulleres dentro da industria conserveira galega. Así, este ano elas foron as protagonistas do Día Internacional dos Museos na institución. Tamén, neste 2020 as antigas traballadoras son as protagonistas dun dos calendarios que máis está a circular polas nosas casas.

Factoría Massó de Cangas / foto BicicleandoCCBy Flickr

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...