Continúan as obras de restauración de fontes históricas en Caldas | Historia de Galicia
Fonte do Tibo / foto Concello de Caldas

Continúan as obras de restauración de fontes históricas en Caldas

Tempo de lectura: 2 min.

Unha nova fonte sumarase á nómina de fontes históricas que a vila de Caldas está a restaurar. Trátase da fonte de Tibo, na parroquia de Santa María de Caldas en pleno Camiño Portugués. A restauración da fonte, que data de 1880, estará dirixida polo arquitecto Luis Gil Pita, que xa dirixiu anteriores intervencións nas fontes da vila, e desenvolta pola empresa Topodel.

A obra, que comezou o pasado venres día 1, afectará a súa estrutura de granito, limpando e encintando as pedras e xuntas do vaso e tanque, así como eliminando as afloracións bioxénicas internas. Mais polo de agora estase a desenvolver un levantamento topográfico e fotogramétrico do estado actual do complexo así como a relación coa súa contorna.

Tamén se tomaron mostras das diferentes capas de pintura que cubriron os seu canos. Unha vez redactado o proxecto requirirá de informe favorable da da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia ó formar parte do Camiño Portugués de Santiago.

Fonte das Burgas en Caldas / foto Concello de Caldas

Programa Fontes no Camiño

Como unha das vilas termais por excelencia de Galicia, as fontes de Caldas son un dos seus sinais de identidade. É por iso que dende o ano 2017 o Concello está a desenvolver o programa Fontes no Camiño. Trátase dun proxecto para rehabilitar as principais fontes da vila, a maioría dos séculos XIX e XX e que conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do programa de conservación do patrimonio cultural.

Esta será a quinta fonte histórica sobre o que se actuará, pois o programa xa leva restauradas a Fonte da Burga, a da Praza de Abastos, a do Campo da Torre e a Fonte das Palmeiras, que continúa en obras na actualidade. O programa conta, ademais da dirección do arquitecto Luis Gil Pita, co traballo dos restauradores Santiago Martínez e Guillermo Rodríguez.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: