fbpx
Desfeita no camiño de acceso ó Castro de Baroña / foto Ría de Noia

Case unha vintena de desfeitas patrimoniais en Galicia durante o Estado de Alarma

Tempo de lectura: 7 min.

O Estado de Alarma foi un respiro para a ecoloxía, para a fauna salvaxe, para o medio ambiente ou a contaminación. Porén en Galicia non o foi para o noso patrimonio. O lento pero imparable proceso de destrución que estamos a vivir cada vez máis acelerado nos últimos anos, non cesou nin sequera cos galegos confinados nas súas casas e a actividade económica paralizada.

Neste período, que aínda estamos a vivir dende mediados de marzo, tal e como recollemos no noso xornal, houbo ó redor dunha vintena de atentados contra o noso patrimonio cultural. Aínda que algúns foran menores moitos outros son dunha excepcional gravidade e ficarán como triste recordo destes días. Unha traxedia cultural que se suma a traxedia humana vivida.

Unha pista de cross nun casto de Laxe

Un dos atentados máis singulares foi o acontecido no castro de Castrelo en Laxe. Fai menos de catro anos unha parte do castro foi escavado, evitándose que acabara debaixo dunha estrada. Para isto chegaron a investirse preto de 3,5 millóns de euros. Hoxe non só atopamos aquela intervención abandonada senón varias actuacións incompatibles coa súa declaración de Ben de Interese Cultural. Entre elas unha pista de cross no seu entorno.

Estado actual da zona escavada no Castro de Castrelo en Laxe / foto HdG

Un cruceiro rodeado de asfalto en Touro e outro a piques de caer en Corcubión

Unha parte, polo xeral, especialmente prexudicada do noso patrimonio son os cruceiros, que son habitualmente vítimas de roubos ou de destrucións provocados polo tráfico. Coñecendo esta realidade no concello de Touro, en plena corentena, as obras dunha estrada deixaron un cruceiro nun illote e rodeado de asfalto. Pola súa banda en Corcubión o desprendemento dun socalco deixou un dos cruceiros máis antigos da vila nun perigo inminente.

Cruceiro en Touro / foto Canibalismo urbanístico e maltrato á paisaxe

O roubo dunha virxe do século XVI na Pobra do Caramiñal

As desfeitas en cruceiros tampouco acabaron aquí nestes días. Especialmente triste foi o roubo da escultura dunha Virxe do século XVI no Concello de Porto do Son. Trátase da imaxe do Cruceiro Novo de Santo Isidoro de Posmarcos na Pobra do Caramiñal, unha imaxe pertencente ó cruceiro que se atopaba dentro dunha capeliña ou fornelo. Formaba parte dunha tipoloxía propia das Rías Baixas. Fora restaurada no ano 2012.

Cruceiro / foto Abelardo Soler Torrente na páxina Asocición para a Defernsa do Patrimonio Cultural Galego

Mámoas de Montemuíño e cruceiro da Virxe do Leite

Porto do Son foi un dos grandes epicentros das desfeitas patrimoniais durante o Estado de Alarma. O seu desencadeante foi a industria madeireira. Este sector é unha das grandes ameazas que está a sufrir o patrimonio do noso rural na actualidade. As mámoas de Montemuíño e o cruceiro da Virxe do Leite, sufrírono en primeiro termo. Pois durante o Estado de Alarma viron, co perigo que isto supón, como unha empresa madeireira amoreaba toros de corta xusto ós seus pés.

Panel informativo nas mámoas de Montemuíño / fotoDasparrandas José L. CCBy wikiloc

Destrución en dous tempos do camiño do Castro de Baroña

Se cadra foi a máis grave das desfeitas patrimoniais que tivemos en Galicia durante o Estado de Alarma. Tal e como no seu momento documentaba Ría de Noia, un gran transporte forestal pasaba por riba do camiño tradicional que baixa ó castro esnaquizándoo. Dous días despois, nun intento de repoñer ó camiño ó seu estado orixinal, os propios madeireiros volvían a intervir no lugar, sen permiso da Dirección Xeral de Patrimonio para adecuar os desperfectos.

Pegadas do tractor agrario que esnaquiou o camiño do castro de Baroña / foto Ría de Noia

Catalogacións erróneas por parte da Xunta

Pero non todas as desfeitas patrimoniais teñen a súa orixe na neglixencia de empresas ou particulares. En ocasións son tamén as propias administracións as que provocan as desfeitas con importantes erros. Este é o caso da Xunta de Galicia, que neste Estado de Alarma deu a coñecer a catalogación dixital errónea de numerosos de xacementos e bens culturais, que quedan en serio risco para súa conservación.

Castro da Vela, mal delimitado no visor da Xunta

Obras na Porta do Sol de Vigo, Barrio do Cura e Corta de árbores na muralla

Outro dos puntos negros para o noso patrimonio nestes días estivo na cidade de Vigo. Se ben ningún dos problemas co patrimonio nesta cidade foi xenuíno deste Estado de Alarma si tiveron o seu reflexo máis nítido nestes días. Así, dúas semanas atrás, coñecíamos a nova da falta de adaptación do plan do Barrio do Cura coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Neste plan perdéronse edificios como o neogótico Asilo dos Anciáns Desamparados.

Barrio do Crura, imaxe do asilo derrubado / foto vigo.org

Por outra banda, nestes días chegáronos tamén as imaxes da falta de distanciamento social nas obras da Porta do Sol. Con elas volvía a polémica respecto ó proxecto. Trátase dun túnel que atravesará o outrora corazón do centro histórico de Vigo e no que xa se atoparon as murallas da cidade. Durante meses foi amplamente contestado polos veciños de Vigo pervivindo aínda a súa indignación. Tamén foi polémica a corta de árbores ó pé dos antigos baluartes da cidade.

Corta de árbores no monte do castro / foto Xornal de Vigo

Unha palloza ardida no Bierzo e actos vandálicos no Castro Ventosa

Ó pé mesmo da provincia de Lugo, nunha excepcional aldea dos Ancares, neste Estado de Alarma perdemos unha palloza máis no excepcional conxunto repartido por Galicia, León e Asturias. Fíxoo presa do lume. Ademais, en pleno corazón do Bierzo, no Concello de Cacabelos, asistimos a actos vandálicos no que é un dos xacementos máis importantes para entender a historia da romanización da Gallaecia.

Unha das pallozas de Campo del Agua / foto David Pérez CCBY Wikimedia

Paseniña desaparición das industrias de Isidro Parga Pondal en Laxe

Isidro Parga Pondal, un dos intelectuais máis importantes do século XX en Galicia, tivo o seu gran centro de actividade na vila de Laxe. Durante moitos anos desenvolveu a industria Kaolines de Laxe S.A. dando traballo ós veciños da zona. Os vestixios de aquela industria están a desaparecer. Algúns tan excepcionais como un sistema de vagonetas suspendidas que proviñan da vila de Coéns. Neste días comezou a desmontaxe do gran montellón de caolín. Ponnos en aviso da desaparición definitiva da memoria desta gran industria.

Cheminea da antiga factoría de caolín de Laxe / foto Jose Manuel Ojén – Qué pasa na Costa

Desfeita natural no Pindo

Nos últimos días recollíase a nova. A Xunta cortará 6.000 árbores no Pindo para evitar os lumes. Trátase dunha medida dentro dun plan piloto no distrito forestal de Fisterra para reducir masa arbórea con cortas e queimas controladas de polo menos 350 ha. A medida causou unha gran consternación pois o Pindo ademais de un referente cultural é tamén un ecosistema único en Galicia, xa moi afectado polos lumes. A asociación Monte Pindo Parque Natural solicitou información á Xunta e formou unha mesa para dar oposición á posible desfeita.

Castelo de San Xurxo no Pindo / foto Noel Feans Wikimedia CCBy

Desaparición de tres pontes rexionalistas nas obras do AVE en Ourense

Na cidade de Ourense entre o lugar de Taboadela e o polígono de San Cibrao perdemos tres pontes rexionalistas. Trátase de tres viadutos elevados que formaban parte do excepcional conxunto de arquitecturas desenvolvidas entre 1926 e 1958 como apoio a gran obra de enxeñería que foi o camiño de ferro entre Ourense e Zamora. A obra é única polo conxunto de estacións de estilo rexional así como por estes coidados elementos da enxeñería, moitos deles feitos en cantería.

Viaducto da liña Ourense-Zamora entre San Cibrao e Taboadela

Risco de derrube en Cartelle

A torre de Cartelle segue a piques de virse abaixo. A torre ten o dubidable privilexio de ser un dos escasos exemplos, senón o único, dun concello español co seu único Ben de Interese Cultural na Listaxe Vermella do Patrimonio elaborada por Hispania Nostra. Se ben, nos pasados días, dende o Concello estanse a buscar por fins solucións, a oposición e diversas asociacións levan anos reclamando a intervención na torre.

Torre de Sande en Cartelle / foto LansbricaeCCBy Wikimedia

…e un perigo latente

A pandemia deixounos tamén un importante perigo. Para evitar que se propague o virus as desinfeccións masivas convertéronse nun elemento capital para garantir a seguridade. Mais as desinfeccións con elementos corrosivos como a lixivia en lugares con tanto patrimonio como Galicia pode ser un inmenso problema. A día de hoxe, afortunadamente, non temos datos de que se producira ningunha desfeita. Mais o Ministerio de Cultura sacaba de antemán unha guía para evitalo.

Desinfección nunha igrexa / foto ipce.culturaydeporte.gob.es

Pode que che interese...