fbpx
Boletín Extraordinario da Provincia de Burgos de 4 de outubro de 1918

“Manterse no campo a maior parte do tempo”, así era o distanciamento social na Gripe de 1918

Tempo de lectura: 2 min.

“A infección propágase polas gotiñas de saliva que despide quen fala, tose… á nosa beira, ó ser respiradas por quen se achega se está enfermo ou convalecente”. Esta mesma imaxe que mantemos hoxe en día na nosa Covid-19 xa estaba presente na epidemia de Gripe de 1918, tamén chamada Gripe Española. A situación obrigaba, do mesmo xeito que hoxe, ó distanciamento social.

Mais como de diferente era ese distanciamento? Un bando da provincia de Burgos asinado polo gobernador civil Andrés Alonso López nolo explica: “Que se absteñan, en consecuencia, de permanecer en locais cerrados, mal ventilados, onde se reúne moita xente, como tabernas ou cafés“, tal e como facemos hoxe en día. Tamén que “se manteñan abertas todo o día as fiestras dos dormitorios e se ventilen con frecuencia os locais onde permanezan durante o día”.

E é que en 1918 eran perfectamente consciente dos perigos do contacto e da aglomeración, e o distanciamento social, do mesmo xeito que hoxe en día, facíase igualmente urxente. Debíase fuxir da aglomeración en espazos públicos e comúns e dedicarse o traballo persoal co menor contacto posible.

Un hospital durante a Gripe Española foto histórica / Otis Historical Archives, National Museum of Health and Medicine PIDomain

Tamén, e sobre todo, se apelaba á ventilación e a limpeza. Isto facía que, nun bando que estaba enfocado á unha pequena vila dunha sociedade eminentemente rural dera como resultado que o mellor consello fora “manterse no campo a maior parte do tempo posible, porque o aire libre, a auga e a luz son os mellores desinfectantes nesta ocasión”.

Fuxir dos bulos

No bando do 4 de outubro de 1918, o gobernador afirmaba “estar disposto a castigar duramente ós incumpridores desta disposición”. E é que a epidemia de gripe “aparecida vai algúns días na provincia” estendíase considerablemente “invadindo numerosos pobos e producindo unha gran mortalidade”.

Así, tal e como ocorrera nalgunha das vilas  da provincia, “celebrar as festas da localidade fixo que a epidemia se difundira rapidamente“. Poucos días despois da festa, a epidemia “chegou a atacar a 800 dos 1200 veciños que alí habitaban”. Dise tamén que “ós que aínda non estean convencidos do grave perigo que isto supón, abstéñanse de celebrar ditas reunións ou festas”.

Tamén hai outras constantes que semellan non cambiar co paso dos séculos. Os bulos son unha delas. “Ter moita limpeza na boca e, nunha palabra, seguir os consellos do médico e desoír ós ignorantes que os invitan a beber alcol ou a cosumir tabaco como remedios preventivos por ser os seus efectos nesta ocasión máis nocivos que nunca”.

Enfermeira durante a Gripe Española nos Estados Unidos / foto Harris & Ewing photographers Foto Histórica PIDomain

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...