fbpx
Camilo Díaz Baliño traballando no seu estudo. 1924. Fotografía cedida cortesmente por Xosé Díaz Arias de Castro.

Xosé Díaz: “Non se entende Isaac Díaz Pardo sen Camilo Díaz Valiño e o seu tráxico final”

Tempo de lectura: 6 min.

Esta é a segunda parte da entrevista a Xosé Díaz Arias de Castro, que desta vez xira en torno a Isaac como artista, así como de Camilo Díaz Baliño, a relación entre ambos e o seu legado.

1. Como definirías o deseño de Isaac para a cerámica de Sargadelos?
A filosofía do deseño de Isaac baseábase na creación de formas con semánticas identitarias, que máis alá da súa funcionalidade posuirán cualidades comunicativas, de maneira que ademais dun valor de uso tiveran un valor de coñecemento; obxectos convertidos en espazos de memoria, onde o usuario se sinta recoñecido e, polo tanto, satisfeito. “Formas con patria”, gostaba de dicir Isaac dos seus deseños.

2. Seguindo os vieiros das Arts&Crafts e as artes industriais, Isaac ocupouse das máquinas para a cerámica, ademais de manter unha metodoloxía e aprendizaxe preciso. Cal era o seu xeito de abordar a cerámica de forma material? Qué primaba cos cartaces e cos encerados que escribía?
Hai de darse conta de que cando Isaac crea a primeira fábrica de porcelana, en 1949, o país estaba sufrindo os rigores dunha postguerra onde carecía de todo, non só de tecnoloxía cerámica senón e tamén de man de obra especializada, de xeito que tivo que proxectar máquinas e fornos de todo tipo, que supuxeron un avance técnico considerable, e tivo que ir formando ao persoal, con clases prácticas e teóricas, con moita paciencia e con sistemas pedagóxicos singulares, como os famosos cartaces e encerados que inundaban as diversas seccións das fábricas, cheos dunha gran sabiduría didáctica. Tamén deseñou sistemas organizativos e contables. En fin, deseñou absolutamente todo o conxunto material e inmaterial que conformaba a empresa.

3. O Laboratorio de Formas tamén contaba con referentes como a Bauhaus, naturalmente, e os Vkhutemas así como William Morris e John Ruskin. Qué podemos continuar aprendendo deles? Hoxe en día parecen mais actuais ca nunca.
Tanto as teorías e experiencias de Ruskin e Morris estiveron presentes no devir do Laboratorio, así como as experiencias das escolas citadas do primeiro terzo do século XX; tal é así que no seu manifesto se explicitan estas dúas experiencias vangardistas. De Ruskin e Morris podemos salientar catro características fundamentais, algunhas de gran actualidade, que influíron en Isaac: 1º, o papel social da arte e a reivindicación do artesano e o artesanado; 2º, a posta en cuestión da industrialización deshumanizada, que eles abominaban; 3º, a reivindicación da historia, do pasado, que eles idealizaban para contrapoñela ao desastre social do brutal capitalismo produtivo do século XIX; 4º, por último a súa visión medioambiental, o seu fermosísimo achegamento á natureza, que eles consideraban aldraxada. En relación á Bauhaus e ao Vkhutemas, foron sempre fonte de inspiración do Laboratorio por varios aspectos, un deles a necesidade de actualizar as formas ás novas demandas sociais, onde a produción industrial deberá responder ás necesidades da nova sociedade de tendencia igualitaria que se aveciñaba; outro aspecto foi pola súa reivindicación do obradoiro como esencia da investigación e experimentación constante en busca de novos sistemas de comunicación que ampliasen o coñecemento do ser humano e as súas posibilidades de progresar.

4. A outra contribución que lle chegou a Isaac foi polo seu pai, Camilo Díaz Baliño. Qué consideras que respirou del?
Todo. Non se entende Isaac sen Camilo e o seu tráxico final. Eu teño a seguridade de que Isaac, que naceu cunha intelixencia e un talento excepcional, quixo seguir a experiencia truncada do pai: o que Camilo non puido levar adiante polo seu asasinato en 1936 aos 47 anos, Isaac o tratará de continuar ao longo da súa vida; aí está a súa querencia polo obradoiro, xa de pintura, xa de cerámica, xa de arquitectura, xa de deseño, xa de mecánica… pois sempre tratou de emular o obradoiro de escenografía e grafismo que o pai tiña na rúa da Hortas compostelá. E non só iso, senón que tamén lle dou continuidade ao ideario galeguista e republicano de Camilo, reivindicando una Galicia soberana dos seus recursos, respetuosa coa súa idiosincrasia e reconstrutora da súa historia.

Isaac Díaz Pardo nos anos 40. Fotografía cedida amablemente por Xosé Díaz Arias de Castro

5. Tendo en conta a calidade do traballo escenográfico de Camilo -as escenografías para obras como O Montes das Ánimas (1927), O mariscal (1929) ou Ultreya! (1935) son unha mostra espléndida disto-, qué é o que Camilo necesita de forma mais inmediata: unha biografía, un catálogo razoado da súa obra ou unha exposición monográfica que mostre a relevancia do seu legado?
A reivindicación da figura de Camilo Díaz Baliño é unha tarefa pendente que clama ao ceo; penso que unha exposición que analice en profundidade a súa obra e divulgue a súa traxectoria vital sería fundamental; con ela viría un catálogo para poñer en valor o seu traballo dentro do galeguismo do primeiro terzo do século XX, como unha peza esencial no intento de reconstruír cunha potente narrativa plástica a nosa conciencia nacional. Pero este país ten unha desmemoria tan acusada… e son tantas as lagoas que habería que encher de coñecemento…

6. Camilo tiña unha enorme biblioteca no seu estudio, adxunto ao seu taller. As súas pinturas, ilustracións, ourivería ou beléns son obras que recollen moitas das grandes revolucións estéticas dos anos 10, 20 e 30. Cómo definirías o seu estilo, tendo en conta a evolución que tivo? Onde pensas que radica a súa modernidade?
A súa modernidade non radica tanto na súa expresión plástica como na súa concepción profesional; foi un adiantado en moitas disciplinas, como a tipografía ou o deseño gráfico, do que foi un precursor; pode dicirse que foi o primeiro director de arte e o primeiro publicista profesional que tivo Galicia e traballou en Galicia, pois Federico Ribas, outro gran debuxante e publicista coetáneo de Camilo, case sempre traballou fóra, na Arxentina ou Madrid. En relación ao seu estilo plástico, son varias as reminiscencias que podemos atopar nas súas obras; aí está a pegada dos prerrafaelitas ou da art nouveau, pero vai ser fundamentalmente o simbolismo de ámbito alemán, e concretamente o suizo Arnold Böcklin, coa súa pintura de forte alento romántico, quen vai a influir poderosamente nel.

Esbozo para tapiz pintado. 1933. Camilo Díaz Baliño. Colección privada

7. A linguaxe simbólica das obras de Camilo fainos formar parte de algo. E esta linguaxe simbólica estendeuse a artistas como Asorey, Uxío Souto ou Castelao, transcendendo as seguintes xeracións. Pode considerarse esta cuestión como un dos elementos do seu legado mais importantes?
A linguaxe simbólica da obra plástica de Camilo ten a característica de que estivo orientada a dotar a Galicia dun corpus lendario, mitolóxico se queres, trasladado á linguaxe plástica, cun fin moi preciso, como era o de visibilizar
—poñéndolle cara— a personaxes, fitos e lugares da historia e das lendas ancestrais, con fins claramente identitarios. Sacou adiante esa tarefa practicamente en todas cantas disciplinas exerceu: escenografía, cartelismo, deseño editorial, publicidade, heráldica…

8. A Camilo denunciárono, detivérono, foi encarcerado no Concello de Santiago, sometido a tortura psicolóxica, non tivo xuízo e tras pasar uns días na cárcere de Arzúa, levárono xunto ao mozo Aguirre a Palas de Rei. Foi alí onde foron disparados, deixando os corpos nunha estrada i enterrados nunha fosa. Foi significativo que mesmo se chegase a pensar que a Camilo tamén lle cortaran as mans.
A detención e asasinato de Camilo tivo que ver co seu aliñamento coa Fronte Popular. De todos é coñecido que foi a orde do xeneral sublevado Emilio Mola de que calquera que fose abertamente ou secretamente defensor da Fronte Popular debería ser fusilado. Isto foi o que se lle aplicou a Camilo e a moitos dos galegos que sufriron o martirio en mans do fascismo.
Dicíase que a moitos artistas e intelectuais lles cortaban as mans antes de matalos. Castelao así o reflexou nun dos seus debuxos do álbum Atila en Galicia. Cando atopemos o corpo de Camilo, saberemos se foi así ou non.

9. O que transmite a obra do teu pai non é que se teña esperanza, senón ser a esperanza. Unha máxima pola cal o tempo no pasa por ela. Cal é a túa impresión ao respecto?
Como xa teño dito, o pai estivo moi presente nesa forza de vontade titánica que Isaac tivo para sacar adiante toda a súa obra. El quixo completar o proxecto vital —frustrado— de Camilo. A dedicatoria que lle dedicou ao pai, no último libro que publicou en 2007, Tentando construír uma esfinge de pedra, é moi elocuente: “Lembrando a meu pai, que me deixou o alcamote”. O alcamote é o martelo no argot dos canteiros. Ese alcamote representa a sagrada misión que Camilo lle deixa a Isaac, e simboliza a súa tenacidade para superar cantas dificultudes e contratempos se ía atopando no camiño. Nada conseguía deter os seus proxectos por moitos atrancos que se lle puxeran diante; cría firmemente neles e tiña moita seguridade en si mesmo, e sabía que esa misión recibida supoñía continuar a tarefa comezada polo pai, que non era outra que ter a Galicia como meta e fin de todo canto se propuxo ao longo da súa vida.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...