fbpx
Igrexa de Santa María da Atalaia, na vila de Laxe / foto Íñigo Mouzo Riobó

A Xunta declarará Ben de Interese Cultural unha das xoias do estilo gótico mariñeiro

Tempo de lectura: 3 min.

A excepcional igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe será declarada Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento. Serao despois de que finalmente, tras dous anos e medio de agarda, fora incoado ou iniciado o expediente para a súa declaración. Porén, e como ocorre sempre con este procedemento, o templo terá cautelarmente a máxima protección.

A atalaia da vila

E é que o templo parroquial da vila de Laxe, na Costa da Morte, é unha das parroquiais góticas máis excepcionais de Galicia. Éo tanto polos seus valores históricos, e construtivos, conservando varios relevos pétreos medievais, pola singularidade e harmonía construtiva, como polos seus valores paisaxísticos, que a fixeron famosa pola súa aparición na serie Mareas Vivas.

E é que a parroquial atópase literalmente sobre unha atalaia ou un baluarte que a eleva sobre o porto da vila e lle dá un carácter destacado no conxunto histórico que no seu día foi a vila de Laxe. Atópase tamén coroando o esteiro de Laxe e a ría cunhas vistas inmellorables dende diferentes puntos e sobre eles.

Igrexa de Santa María da Atalaia, na vila de Laxe / foto Íñigo Mouzo Riobó

A xoia do gótico mariñeiro?

Dende o punto de vista construtivo é especialmente interesante. A igrexa debeu comezar a súa construción no século XV  reempregando varios elementos de construcións precedentes. É especialmente harmónica no tocante ás súas formas, cunha excepcional subordinación de volumes coroados pola súa torre, situada ó pé da cabeceira.

É precisamente por isto polo que Santa María da Atalaia se considera hoxe en día unha das xoias do estilo gótico mariñeiro. Este controvertido estilo, non recoñecido por todos os historiadores, ten a singularidade de empregar grandes elementos góticos como arcos apuntados, mais en lugar dunha busca da altura, búscase acoller baixo as súas arcadas amplos espazos.

Esta igrexa, co seu excepcional xogo de espazos interiores e volumes externos pode verse como a gran constatación do estilo que enche as nosas grandes vilas mariñeiras.

Igrexa de Santa María da Atalaia, na vila de Laxe / foto Íñigo Mouzo Riobó

O porto de mar dos Moscoso

Ademais, a igrexa de Santa María da Atalaia é un dos edificios que perviviron tras os problemas das últimas décadas do excepcional centro histórico de Laxe. Tratábase da época na que Laxe era unha das vilas mariñeiras máis importantes da zona, sendo ademais o gran porto de mar do señorío dos Moscoso.

Sinal disto son os grandes edificios de pedra que aínda hoxe se conservan excepcionalmente na vila. Unha delas é singular Casa do Arco coetánea de Santa María, unha casa forte de pedra asentada sobre un gran arco gótico. Porén existen aínda moitas outras construcións que están aínda por estudar. Tristemente a protección de BIC chegará demasiado tarde para a protección do seu degradado entorno.

A vila de Laxe, na Costa da Morte / foto Íñigo Mouzo Riobó

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...