A Xunta restaurará a igrexa dun dos antigos mosteiros medievais máis esquecidos da Ribeira Sacra | Historia de Galicia
Igrexa de San Vicenzo de Pombeiro en Pantón / foto Xunta de Galicia

A Xunta restaurará a igrexa dun dos antigos mosteiros medievais máis esquecidos da Ribeira Sacra

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta rehabilitará a igrexa de San Vicenzo de Pombeiro en Pantón. Farao cun investimento de 270.000 euros e cun prazo de execución de 6 meses tendo como principal obxectivo a eliminación das súas humidades e a recuperación dos seus muros. A igrexa, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), formaba parte de un dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra e está considerada unha das xoias do románico en Galicia.

A obra tratará sobre todo de reducir a presenza de humidades e a entrada de auga a través da cuberta, así como mellorar a carpintería das ventás e mellorar o estado das fachadas así a sancristía o acceso a través do adro. Levarase adiante substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros e a execución de novas carpinterías nas fiestras que garantan a ventilación.

Renovaranse tamén os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche, e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso e a visita. Ademais de San Vicenzo do Pombeiro a Xunta prevé licitar tamén en breve as obras da non moi lonxana Santo Estevo de Atán.

Unha xoia románica con pinturas murais

A igrexa de San Vicenzo de Pombeiro tivo as súas orixes na Alta Idade Media, nun tempo no que as ribeiras de Miño e Sil se foron poboando de cenobios e eremitorios, lugares onde vivían ermitás en soidade ou en comunidade. Estes lugares deron despois paso  ós actuais mosteiros entre os que nacería este de San Vicenzo, que hoxe tan só é parroquial.

San Vicenzo de Pombeiro en Pantón / foto Lucas Vázquez PD

A igrexa de San Vicenzo data do último terzo do século XII e da primeira metade do século XIII. Conta cunha planta basilical de tres naves e cabeceira tripla. De fábrica románica conserva a cabeceira e parte dos muros perimetrais das naves, tanto ao interior como ao exterior.

No seu interior conta con elementos moi relevantes, como varios dos seus retablos. Destaca o maior, de comezos do século XVIII, vinculado ao obradoiro de Francisco Castro Canseco. Posúe tamén un excepcional ciclo de pinturas murais que representan a Santa Cea, as lamentacións sobre o Cristo morto, o xuízo final e escenas do nacemento de cristo ou Santa Ana.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: