A Xunta restaurará o claustro do convento de Herbón | Historia de Galicia
Convento de Santo Antón de Herbón / foto Turismo de Galicia

A Xunta restaurará o claustro do convento de Herbón

Tempo de lectura: 2 min.

O Convento de Santo Antón de Herbón será tamén rehabilitado nas súas zonas máis danadas. Para isto a Xunta de Galicia prevé un investimento de preto de 420.000 euros que permitira, sobre todo, resolver os problemas presentes na zona do claustro, a parte máis antiga do convento e a que se atopa en peor estado por mor das continuas filtracións de auga.

E é que o estado de abandono e a falta de mantemento das últimas décadas provocou a entrada de auga e o deterioro das estruturas e dos acabados. É por isto que o principal obxectivo é resolver os problemas de filtracións. Para isto restauraranse as cubertas e o forxado de piso no primeiro andar, conservando as madeiras que se atopen en bo estado.

Tamén se contempla a limpeza e rexuntado da cantería dos muros do claustro e do primeiro andar, así como a restauración das carpinterías exteriores e a eliminación dos elementos discordantes. Por último, aplicarase un tratamento á madeira fronte ós xilófagos e repasaranse todas as xuntas do pavimento do claustro. Prevese un prazo de execución de seis meses.

Convento de Santo Antón de Herbón / foto Turismo de Galicia

Unha infraestrutura clave para o Camiño Portugués

O convento de Santo Antón de Herbón foi fundado no século XIV, en concreto no ano 1396. Porén a maior parte do conxunto data da primeira metade do século XVIII. No conxunto, ademais do claustro e dormitorios, destaca tamén a súa Igrexa, con interesantes tallas de Gambino ou José Ferreiro. Tamén a fonte de San Bieito, a que lle mana a auga do peito.

O convento tras o abandono dos monxes pasou por varios usos como colexio de misioneiros, seminario, colexio. Na actualidade é residencia dunha pequena congregación de frades franciscanos. Con esta intervención, a Xunta de Galicia pretende impulsar unha infraestrutura clave para Camiño Portugués. O inmoble que foi declarado declarado BIC no ano 2013.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: