fbpx
Camiseta de protesta contra o racismo / foto WenPhotos CC0

Así foi o tráfico con escravos dende Galicia a Cuba e ós Estados Unidos

Tempo de lectura: 4 min.

Nas últimas semanas unha vaga de protestas está a percorrer o mundo denunciando a violencia, discriminación racial e, en concreto, a brutalidade policial contra as minorías nos Estados Unidos. As protestas en Europa centráronse, en moitos casos, en accións concretas contra personaxes históricos e as súas representacións públicas. Personaxes que participaran activamente no negocio escravista.

Galicia tivo tamén o seu un papel neste comercio escravista. Foi sobre todo no primeiro terzo do século XIX, despois de que, medio século atrás, se abriran para o comercio con América os portos galegos. Nun contexto intercambio comercial e exportación cara o novo mundo un grupo de armadores e comerciantes viu no transporte de escravos un negocio lucrativo, sumándose a unha actividade na que os portos españois eran especialmente activos.

O tráfico de escravos dende a Coruña

Tal e como documentaron investigadores como Luis Alonso Álvarez, un dos grandes núcleos galegos desta actividade foi o porto da Coruña. Coa apertura do comercio o gran porto da cidade viu a comezos deste século XIX unha gran expansión, acollendo ó seu carón unha emerxente burguesía empresarial, chegada dende lugares como Cataluña, A Rioxa, Francia ou o País Vasco.

Ó carón do porto da cidade conformouse unha oligarquía de negocios ó redor do sector financeiro, a industria mais, sobre todo, do comercio de ultramar. Entre estes armadores e comerciantes xurdiu o negocio do transporte de escravos. Un dos vértices do triángulo de transporte entre países como Guinea cara destinos como as illas do Caribe, Cuba, e o sur dos Estados Unidos.

Aínda que esta actividade xa debeu comezar no século XVIII, a abolición en 1808 do escravismo no Reino Unido deu o relevo do traballo a algúns portos españois no primeiro terzo do século XIX. Na Coruña o maior número de expedicións centrouse entre os anos de 1816 e 1820. Segundo as estimacións, da cidade sairían preto de 7.000 escravos negros con destino a América.

Escravos / foto PubicDomainPicturesCC0

Non foron poucos os empresarios que se dedicaron a actividade na cidade. Entre eles algúns formaron as grandes fortunas que aínda hoxe se coñecen na Coruña. Entre eles estarían os Blanco, Adalid, Arias, Romeu, Mens, Fullós, Dalmau, Larragoiti, sendo un dos exemplos máis destacado Juan Francisco Barrié D´Abadie, o bisavó de Pedro Barrié de la Maza.

O tráfico dende a Costa da Morte

Mais, aínda que o caso da cidade da Coruña, polas súas condicións na exportación a América, foi sen dúbida o caso máis notable, tamén se documenta o negocio escravista en en relación a outros portos ou a outros nomes relevantes outros lugares de Galicia. Un dos núcleos que conseguiu documentarse foi o da Costa da Morte.

Nesta zona de Galicia, tal e como estudaron Luis Alonso Álvarez e Rafael Lema Mouzo, documentase varias mortes en naufraxios tanto no Caribe como nas costas de África de armadores e capitáns de familias destacadas da zona, aínda que probablemente empregarían outros portos galego. En concreto empresarios asentados en lugares como Camariñas, Corcubión ou Cee, entre eles Pedro Riveiro Merens, alcalde de Cee en 1886.

Porto de Corcubión foto histórica de A Cerviño

Porén, o caso galego da Coruña e das familias da Costa da Morte non foron excepcións dentro da coroa española. Estímase que dende os diferentes portos españois chegaron a saír cara América entre 110.000 e 140.000 escravos polo xeral para o traballo en enxeños azucreiros e outros traballos manuais de gran dureza. Procederían maioritariamente de África mais tamén de outros territorios como, China, Canarias ou a propia Galicia.

Os escravos galegos de Feijóo de Soutomaior

Porén non toda a escravitude foi levada dende África, senón que existen outros casos no que o propio escravismo tamén se facía con locais. Isto danos conta do contexto histórico no que se desenvolvía a escravitude e do escaso valor das vidas humanas para os empresarios que desenvolvían este negocio. Un deles, tal e como recollemos no seu día no xornal, foi o caso de Urbano Feijóo de Soutomaior que traficou con escravos galegos.

Urbano era un empresario de nobre berce, deputado en varias ocasións no Congreso por Ourense e Verín que participou e múltiples empresas americanas. Unha destas empresas foi o envío de traballadores galegos en escravitude a América para desenvolver tal e como se afirma “o traballo de dous negros”. Despois morte de máis de 300 e de conatos de sublevación o Estado español tivo que intervir para liberalos.

Segregación racial nos Estados Unidos / foto WikiImages CC0

Para saber máis: Como obra de referencia pode consultarse o libro de Luis Alonso Álvarez Comercio colonial y crisis del Antiguo régimen en Galicia, 1778-1818. Sobre o tema da Costa da Morte pode consultarse a Rafael Lema Mouzo. En internet poden ampliar o tema sobre a Coruña os artigo de Isabel Bugallal e de Rafael Lema, sobre a Costa da Morte o artigo de Luis Lamela e na nosa web sobre Feijóo de Soutomaior e sobre a xenética dos escravos do Caribe.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...