Descobren unha machada ritual decorada cun xabarín, un touro e un carneiro, do s. III a.C., no castro de Viladonga | Historia de Galicia
Machada sacrifical achada no castro de Viladonga en Lugo / foto Xunta de Galicia

Descobren unha machada ritual decorada cun xabarín, un touro e un carneiro, do s. III a.C., no castro de Viladonga

Tempo de lectura: 2 min.

Unha machada ritual duns 13 centímetros, feito en bronce e con excepcional decoración. Este é o gran achado que se daba a coñecer no día de hoxe procedente da última campaña de escavacións no castro de Viladonga, moi preto da cidade de Lugo.

O achado, unha pequena machada votiva de bronce asociada a rituais de sacrificio, foi  atopado durante os traballos no recentemente descuberto alxibe monumental. A excepcional peza foi atopada xunto a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón, nun lugar do castro correspondente co século III a.C.

Unha machada para sacrificios

A machada podería tratarse dunha das descubertas máis importantes dos últimos anos da arte castrexa, tanto pola escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración. Pertencería a tipoloxía das machadas sacrificais, similar a outras atopadas en Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo. Porén esta podería ser a machada máis interesante pola excepcional e rica decoración.

Machada sacrifical achada no castro de Viladonga en Lugo / foto Xunta de Galicia

Pois na machada desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas mais tamén con excepcionais singularidades. A peza ten sogueados e formas de torques. Tamén conta cun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal. Segundo os expertos a peza estaría relacionada con ritos de sacrificio desenvolvidos na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular.

Exhibirase no propio museo

No castro, que foi escavado dende ano 1971, e ó que se lle anexionou un museo in situ no ano 1986, estase a desenvolver unha campaña arqueolóxica dende o pasado ano 2019. Nela entre outros elementos se descubriu o monumental alxibe no que se atopou a peza. Segundo os arqueólogos o xacemento “segue a dar sorpresas 50 anos despois.  Prevese que o excepcional colgante poda verse moi pronto neste mesmo museo.

Machada sacrifical achada no castro de Viladonga en Lugo / foto Xunta de Galicia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: