Dúas mámoas e unha importante estación de petróglifos danados no entorno da cidade de Santiago | Historia de Galicia
Petróglifos da Revolta da Palla, en Santiago de Compostela / foto Clectivo A Rula

Dúas mámoas e unha importante estación de petróglifos danados no entorno da cidade de Santiago

Tempo de lectura: 2 min.

Continúan as agresións ó patrimonioprehistórico nos montes galegos. Nesta ocasión, e tal e como informan dende o Colectivo A Rula, foron danadas dúas mámoas e unha importante estación de Petróglifos no entorno da cidade de Santiago de Compostela. Trátase das mámoas de Agro da Cruz e do Agro dos Calvos, en Teo así como da estación de petróglifos da Revolta da Palla en Villestro, en Santiago.

No primeiro caso trátase de dúas mámoas, a primeira de elas sen catalogar, que foron obxecto dunha plantación forestal de eucaliptos. No segundo trátase da desfeita de parte do bacolito que contén os gravados, por parte de maquinaria relacionada co mantemento da liña eléctrica que se estende moi preto.

Dúas mámoas plantadas de eucaliptos

Fai uns días o colectivo alertaba do descubrimento dunha nova mámoa non catalogada, que aparecera tras unha corta masiva no lugar de en Teo. Tratábase da mámoa do Agro da Cruz, do que o colectivo alertaba da posibilidade dunha nova plantación no lugar e urxía ás autoridades á catalogación da mesma.

Mámoa da Agra dos Calvos / fto Colectivo A Rula

Agora alértase dunha nova plantación noutra mámoa do concello de Teo, neste caso si catalogada (GA15082091). Trátase da mámoa do Agro dos Calvos, no lugar de Paraxó, na parroquia de Luou, que aparece recollida no PXOM de Teo e no Plan Básico Autonómico. O subsolado e posterior plantación de eucalipto afectou parcialmente a mámoa, localizada entre dúas propiedades de aproveitamento forestal.

A pedra dunha estación de petróglifos danada por maquinaria

A estación de petróglifos da Revolta da Palla, no lugar de Tras Igrexa, parroquia de Santa María de Villestro, no Concello de Santiago, atópase tamén catalogada (GA15078179). A estación apareceu con destrozos na parte superior da pedra, moi preto dalgunhas das súas gravaduras, por mor do que semella o paso e roce cos baixos, dunha gran maquinaria pesada.

Segundo o colectivo, esta agresión non colleu por sorpresa, xa que pola súa ubicación este era un panel especialmente ameazado. Pois o xacemento atópase nun camiño tradicional e ó carón da servidume dunha liña eléctrica, posición especialmente crítica fronte as limpezas periódicas que se fan no lugar.

Petróglifos da Revolta da Palla, en Santiago de Compostela / foto Clectivo A Rula

Tal e como apuntan dende o colectivo a rocha sufriu perda de parte da súa superficie polo golpe da maquinaria nas tarefas de roza da franxa. Afectou a unha superficie moi próxima a un dos petróglifos, a figura dun cérvido, nunha estación na que está gravado outro cuadrúpedo máis, así como varias singulares figuras xeométricas.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: