Había publicidade en galego de compañías americanas en 1880? | Historia de Galicia
Anuncio de Singer / foto Real Academia Galega

Había publicidade en galego de compañías americanas en 1880?

Tempo de lectura: 2 min.

“Máquinas pra coser d’a compañía fabril Singer. Fixarse ben pra non ser enganados. Notabres rebaixas n-os preceos e grandes descontos o contado. Coidado co-as falsificaciós e imitaciós alemáns. Pídas’o catálogo que se da de valde”.

Este é o anuncio da Compañía americana de máquinas de coser Singer, inserido na década de 1880 nun exemplar da revista A Monteira. É un exemplo excepcional pois unha empresa americana, unha das de maior éxito no momento, insería un anuncio en lingua galega nunha das revistas pioneiras no noso idioma.

Tal e como recollía vai algúns anos a Real Academia Galega nun artigo, non é o único exemplo. Pois nestes primeiros xornais e revistas en galego que se comezaban a editar no século XIX, como instrumento do Rexurdimento cultural dese século, comezaron a aparecer tamén os primeiros anuncios publicitarios na nosa lingua.

Portada de O Tío Marcos da Portela / foto Real Academia Galega

En revistas como O Vello do Pico-Sagro, O Tio Marcos d’A Portela, O Galiciano ou A Monteira comezaron a aparecer anuncios, tamén en galego. Polo xeral nas últimas páxinas e polo xeral de pequenos negocios locais, así como de obras da editora escritas en galego.

Cafés, casas de comidas, reloxarías, xastrarías, librarías, ou barberías publicaban en esta época, nestes xornais e revistas pequenos anuncios en galego. Tamén médicos, dentistas ou algúns profesionais liberais. Mais tamén algunha das grandes empresas de éxito no momento, como Singer.

Anuncio de Singer / foto Real Academia Galega

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: