Saen á luz dez novos exemplos que demostran os grandes erros do visor de usos forestais da Xunta | Historia de Galicia
Erro na delimitación no Castro das Quendas no visor da Xunta / foto Adega e Mariña Patrimonio

Saen á luz dez novos exemplos que demostran os grandes erros do visor de usos forestais da Xunta

Tempo de lectura: 3 min.

Un número considerable de erros de xeolocalización de xacementos que poñen en perigo os sitios arqueolóxicos e monumentos de facerse cortas ou plantacións nos montes de Galicia. Este é o problema de especial gravidade que ten o patrimonio galego nestes momentos polos erros que se están a atopar no visor de usos forestais da Xunta de Galicia.

E é que nos pasados días a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Mariña Patrimonio poñían unha vez máis de relevo o problema e reclamaban á Consellería de Cultura a corrección dos erros. Pedíase que se revisara a información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor da Xunta de Galicia para evitar máis que posibles desfeitas.

Erro na delimitación no Castro das Quendas no visor da Xunta / foto Adega e Mariña Patrimonio

Dez xacementos ameazados en Foz, Xove, Viveiro e Barreiros. 

O perigo é inminente, dado que o decreto 73/2020, que entrará en vigor o 9 de xuño, axilizará e simplificará este tipo de procedementos. É por isto que ADEGA e Mariña Patrimonio sumaban a unha primeira revisión do documento, que publicamos nos pasados días, varios novos casos. Figuran agora entre a nómina dos máis salientables a nivel provincial, segundo os colectivos os seguntes:

1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento real.

2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.

3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.

Erro na delimitación no Castro de Curveiro no visor da Xunta / foto Adega e Mariña Patrimonio

4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.

5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.

6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.

7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superficie real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.

Erro na delimitación na mina romana de Espiñeira no visor da Xunta / foto Adega e Mariña Patrimonio

8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto,  quedan desprotexidas.

9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta  despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.

10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.

Reclaman o pronunciamento da Consellería de Cultura

Vinte días despois da denuncia, segundo os colectivos, a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados. Tamén, se van facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural no visor, tal e como lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio.

Este organismo é o único que fica por contestar á reclamación. Pois ambos colectivos xa recibiron notificación da Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio. Nela non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, concretamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Un chamamento a denunciar os erros

É por isto que ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galicia. Piden que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: