fbpx
Entrada da Cova do Furco, en Becerreá, chea de lixo / Patrimonio dos Ancares

Unha das dúas covas dos Ancares con presenza humana desde a Prehistoria convertida nun vertedoiro

Tempo de lectura: 2 min.

Patrimonio dos Ancares denuncia a situación actual da Cova de Furco, en Becerreá, utilizada ao longo dos anos para depositar unha enorme cantidade de lixo o que impide practicamente o acceso ao interior.

Nos anos trinta do pasado século XX, o mestre do Cereixal, en Becerreá, don Gonzalo Martín March, e o estudante Blas Ferreiro, atoparon anacos de hasta de animais, ósos humanos e varias pezas metálicas, entre outras unha maza e un puñal de antenas de bronce que foi publicado polo historiador Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega no ano 1936, e que datou entre o 700-500 antes de Cristo. Mesmo existen referencias da presenza de pinturas rupestres.

Aspecto interior da Cova do Furco, chea de lixo / Patrimonio dos Ancares

Entre as decenas de covas existentes na comarca dos Ancares, esta de Furco, xunto coas de Valdavara, tamén en Becerreá, son as únicas onde se ten documentada a presenza humana na prehistoria o que as fan especialmente importantes. Ademais, a cova está catalogada por Patrimonio dende o ano 1991 polo que goza de protección.

A principios do ano 2000, a Consellería de Industria ditou unha resolución pola que se fixo pública a declaración de impacto ambienal do proxecto da canteira de Furco onde se localizaban varias covas, establecéndose unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control de voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos, etc. A explotación desta canteira xa provocou no seu momento a destrución total dun dos castros máis espectaculares, pola súa tipoloxía, da comarca dos Ancares; polas fotos do voo americano dos anos 1956-57 sabemos que era de forma elíptica, cunha lonxitude de 170 metros e unha anchura máxima de 75, apreciándose unhas potentísimas murallas.

Vista do Castro de Furco, en Becerreá, antes de ser destruído por unha canteira

A entidade xa preparou un informe dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá para que se proceda á retirada do lixo, solicitándolle tamén que se acometan os traballos arqueolóxicos para estudala e poñela en valor.