Aparecen dúas novas mámoas nun dos grandes santuarios neolíticos de Galicia | Historia de Galicia
Mámoa en Cazás, en Xermade / Patrimonio dos Ancares

Aparecen dúas novas mámoas nun dos grandes santuarios neolíticos de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Os do colectivo Patrimonio dos Ancares e da asociación de recreación histórica de Lugo Tir Na n´Og vimos de documentar un castro e tres mámoas no concello de Xermade. Non figuran recollidos nin no Plan Básico Autonómico, actualizado recentemente, nin no novo visor de Aproveitamentos Forestais da Xunta de Galicia que recollen os bens patrimoniais catalogados.

O castro localizámolo na parroquia de Miraz, nun sitio que conserva o evocativo nome da Chousa do Castro, a 525 metros de altitude. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 87 por 70 metros; aínda que se atopa alterado polos sucesivos usos agrícolas ao longo dos anos, obsérvanse restos da muralla que o circundaba en todo o seu perímetro, excepto polo norte que foi case destruída; polo sur aínda conserva parte dun foxo defensivo. No concello hai documentados case unha vintena de asentamentos tipo castro, a maioría en deficiente estado de conservación.

Canto ás mámoas, dúas localizámolas na Escoriscada, na parroquia de Cazás; teñen unhas medidas de 18 e 15 metros de diámetro. Na Pena dos Corvos, na parroquia de Momán, documentamos outra mámoa de 19 metros de diámetro; nas inmediacións vese un gran chanto que puido formar parte da cámara megalítica.

Mámoa de Chousa do Castro, en Xermade / Patrimonio dos Ancares

Xermade atópase entre os concellos de Galicia con maior número de enterramentos do período Neolítico, ademais un bo número de mámoas contaban con cámara megalítica (dolmen), con chantos decorados con pinturas e gravuras. Tamén apareceron restos cerámicos, puntas de frecha, machados, prismas de cristal, un betilo (peza prehistórica, tipo ídolo, de aspecto antropomorfo), etc.

Os achados xa foron comunicados por rexistro electrónico ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo para que procedan á súa catalogación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: