fbpx
Detalle dun dos petróglifos / foto Xavier Moure, Patrimonio dos Ancares

Aparecen novos petroglifos en Sarria e un castro en Castroverde

Tempo de lectura: 3 min.

Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar uns novos petróglifos no concello de Sarria. Foi na Serra do Páramo, a 845 metros de altitude, na parroquia de Biville.

O primeiro atopámolo de forma casual xa que estaba practicamente cuberto pola terra. Sobre unha pena granítica situada rente ao chan vese unha ben conservada combinación de dous círculos concéntricos con coviña central. Como no caso da maioría dos petroglifos, trátase dun motivo enigmático, sendo obxecto de variadas interpretacións: representacións do sol, asociados a algún tipo de ritual, etc.

A uns 300 metros do anterior, xusto no límite co concello do Páramo, localizamos unha pena con tres coviñas e unha cruz de factura posiblemente posterior. Atópanse a poucos metros dunha mámoa que foi utilizada como marco para delimitar as parroquias de Friolfe (O Páramo) e Biville (Sarria). As coviñas adoitan interpretarse como recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, delimitadoras de lugares sagrados ou espazos máxicos, etc.

Detalle dun dos petróglifos / foto Xavier Moure, Patrimonio dos Ancares

A zona máis interesante do concello de Sarria

Aínda que moi afectada polos labores agrícolas e forestais e un parque eólico, segundo o noso criterio é a zona arqueolóxica máis interesante do concello de Sarria. Ademais dunha necrópole megalítica de hai uns 6.000 anos (período Neolítico) formadas por quince mámoas e os petróglifos (Idade do Bronce) de hai uns 4.000 anos, está a ermida do San Marcos que na Alta Idade Media formou parte dun eremitorio que co tempo se converteu nun pequeno mosteiro posto baixo a advocación de San Adrao, citado por primeira vez no ano 899 en que o rei Afonso III confirma varias posesións da Igrexa de Lugo. A carón da ermida consérvanse tres sartegos antropoides escavados na rocha granítica onde tamén se ven algunhas coviñas. Estariamos, pois, diante dun espazo que foi sacralizado durante milenios.

Sártegos da ermida do San Marcos / foto Xavier Moure, Patrimonio dos Ancares

Un castro en Castroverde

Grazas á asociación Tir Na n´Og de recreación histórica, que participa activamente no Arde Lucus, comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia a existencia dun novo castro sen catalogar no concello de Castroverde que localizaron hai pouco. Atópase en Castedo, parroquia de Barredo, a 614 metros de altitude. Despois de visitalo comprobamos que é de pequenas dimensións, cunhas medidas aproximadas de 43 por 52 metros. Estaba defendido en todo o seu perímetro por unha muralla, posuíndo o acceso polo oeste. No pasado mes de maio puxemos en coñecemento de Patrimonio a localización doutros catro castros sen inventariar neste concello.

Detalle dun dos petróglifos / foto Xavier Moure, Patrimonio dos Ancares

 

 

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...