fbpx
Reconstrución dun neandertal e dun homo sapiens / NRC

Como foi o proceso de neandertalización na Península Ibérica hai 300.000 anos?

Tempo de lectura: 3 min.

O estudo de máis de 22.000 artefactos de pedra procedentes do nivel  TD10.1 de Gran Dolina en Atapuerca (Burgos), permite entender como foi a transición entre o  Paleolítico inferior e o  Paleolítico medio neste lugar, é dicir, entre o período comprendido entre os 450.000 e 250.000 anos antes do presente. A pesar da homoxeneidade tecnolóxica que se observa entre os homininos que ocuparon entón a Serra de  Atapuerca, inícianse unha serie importante de innovacións que culminaron coa cultura neandertal, de gran complexidade e que avalan a capacidade de planificación desta especie. O artigo foi publicado recentemente no  Journal  of  Human  Evolution (JHE).

Este estudo, enmarcado dentro dos traballos de investigación que o Institut  Català de  Paleoecologia Humana i  Evolució Social (IPHES) desenvolve sobre o Proxecto  Atapuerca, foi liderado por Arturo de Lombera Hermida, arqueólogo do  Grupo de Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN- AAT) da USC. Por parte do  IPHES e da Universitat Rovira i  Virgili (URV) tamén participaron Xosé-Pedro Rodríguez, Mariña Mosquera, Andreu Ollé, Esther López-Ortega, Antonio Rodríguez-Hidalgo, Palmira  Saladié e  Eudald  Carbonell.

“O nivel  TD10.1 de Gran  Dolina recolle unha sucesión de sedimentos excepcionais para entender a evolución acontecida entón, que culminará co xurdimento da tecnoloxía que dá lugar ao  Paleolítico medio en Europa”, explican os investigadores. A análise dos datos obtidos cos restos de fauna e a arqueoestratigrafía, isto é, sucesión de niveis  sedimentarios ao longo do tempo; xunto cos que achegaron os artefactos  líticos, constata que a cavidade foi ocupada de diferentes maneiras hai entre 350.000 e 250.000 anos. 

Niveis de estratificación

“Na base do nivel  TD10.1, a máis antiga, a cavidade é habitada a modo de campamento por parte dos homininos durante longos períodos e dunha maneira máis intensa, documentándose unha gran concentración de restos  líticos e  faunísticos, e onde se desenvolveron diversas actividades como talla de ferramentas, procesado de fauna ou traballo de peles, entre outros”, continúan os investigadores. En cambio, a cavidade só sería ocupada brevemente polos grandes  carnívoros que acudirían posteriormente a carroñar os restos deixados polas ocupacións humanas. Pola contra, para os niveis superiores só se producirían estancias breves, aínda que de uso reiterado para realizar actividades puntuais e tras as cales deixarían abandonadas as súas ferramentas. 

Reconstrución do aspecto que tería un neandertal / Ancien Origins

Complexidade e planificación

A pesar das diferenzas nos modelos de ocupación, nos rexistros  líticos de  TD10.1 obsérvase unha homoxeneidade tecnolóxica, o que implica unha continuidade demográfica dos grupos que ocuparon a Serra de  Atapuerca durante o final do  Pleistoceno medio, ou sexa, entre hai uns 450.000 e 130.000 anos. Isto é evidente pola pervivencia de certos trazos que comparte cos rexistros  achelenses dos niveis inferiores de  TD10 (TD10.3) e o xacemento de Galería, máis antigos, tales como a presenza de  bifaces ou  hendedores, así como de certos esquemas de talla menos complexos. 

“Pero o aspecto máis significativo destes conxuntos é que rexistran varias innovacións e comportamentos tecnolóxicos que cristalizarán posteriormente na tecnoloxía  neandertal do  Paleolítico medio”, afirman os investigadores. Estes aspectos son a explotación ordenada dos recursos do territorio, unha marcada selección de calidade das materias primas, o menor tamaño dos instrumentos  líticos, a perda de importancia dos  bifaces, a fabricación de útiles  enmangados, o recurso a  retocadores óseos, a reciclaxe de elementos  líticos (uso de núcleos como  percutores) e, especialmente, a aparición de métodos de talla complexos típicos do  Paleolítico medio, como o  Levallois ou o  discoidal. Estes comportamentos evidencian un importante incremento na complexidade tecnolóxica e na planificación das actividades con respecto aos conxuntos anteriores. 

Proceso de “neandertalización”

Deste xeito, no artigo demóstrase que a transición entre o  Paleolítico inferior e medio na Serra de Atapuerca foi un proceso  acumulativo e progresivo apuntando a unha transición local. Este proceso de “neandertalización” é paralelo ao observado noutros xacementos europeos e coherente coa evolución paleoantropolóxica dos  preneandertales da Sima dos Ósos, tamén en  Atapuerca. 

“De maneira interesante, estas ocupacións de  TD10.1 son contemporáneas a outros xacementos peninsulares con características plenamente  achelenses (tecnoloxía máis arcaica), o que mostra que este proceso non foi homoxéneo en toda Europa, senón que, máis ben produciuse seguindo un modelo en mosaico”, afirman, subliñando a complexidade cultural e poboacional do  Pleistoceno medio final europeo.

Pode que che interese...