fbpx
Proxecto eólico de Mouriños / GC

Enel e Cabana de Bergantiños esquecen as súas promesas sobre unha mámoa afectada polos eólicos

Tempo de lectura: 2 min.

No ano 2004, antes da construción do parque eólico de Silvarredonda, en Cabana de Bergantiños, promovido pola empresa Enel, estableceuse unha Declaración de Impacto Ambiental coas medidas a tomar sobre a mámoa do monte Perrol, afectada polo parque.

Nela afirmábase que “deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico”. Establecíase un “área de exclusión para este xacemento” e debíanse levar adiante medidas correctoras como a sinalización e balizamento, con material non perecedoiro, do xacemento arqueolóxico.

Tamén debía preservarse o valado tradicional que delimita a finca onde se empraza o xacemento; e a prohibición de calquera tipo de remoción de terras no ámbito de protección legal. Afirmábase no documento, tamén, que “a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas”.

Mámoa do monte Perrol / foto Petón do Lobo

Unha mámoa esquecida

Porén, agora, tras a construción do parque a asociación Petón do Lobo, denuncia o incumprimento das medidas. Afírmase que “calquera referencia á mámoa no Plan de seguimento ambiental realizado pola empresa promotora do parque eólico,  limitouse a facer referencia ó balizamento da mámoa durante a execución do parque eólico e nin sequera está sinalizada“.

Segundo esta asociación ambiental e cultural, “dende o ano 2004 e na actualidade, a mámoa continúa esquecida”. Afirman tamén que, pola súa parte o propio concello de Cabana de Bergantiños, obvia calquer referencia a esta mámoa no novo Plan xeral de ordenación municipal arestora en tramitación, contribuíndo así máis ó esquecemento do túmulo.

Monte Perrol / foto Petón do Lobo

Unha gran mámoa moi próxima a Dombate

No monte Perrol atópase esta mámoa. Trátase dun monte que se eleva uns 450 metros sobre a ría. Alberga o parque eólico Silvarredonda e o seu nome faría referencia a monte baixo de matogueira de baixa aptitude agrícola. A contorna do  lugar, coa desembocadura do Anllóns é Área de Especial Interese Paisaxístico.

A mámoa atópase moi próxima ó cumio Cabeza Carneiro, que está situada no punto máis alto do monte Perrol. O topónimo Cabeza Carneiro evoca os mitos e lendas dos poderosos cornos do carneiro, que simbolizarían a abundancia e a vitoria na batalla.  Alén deste significado a mámoa forma parte dun conxunto que salpica o val de Borneiro e os montes que o rodean, onde se acha Dombate.

Pode que che interese...