fbpx
Castro do Chao de Sanmartín en Salime / foto 19Tarrestnom65 CCBy Wikimedia

Indignación por unha inminente desfeita nun dos castros máis importantes de Asturias

Tempo de lectura: 4 min.

“Os abaixo asinantes coñecen os valores que fan da fortaleza de Chao Samartín un lugar de extraordinaria relevancia para o coñecemento de longos períodos da Prehistoria Recente e da Antigüidade no noroeste da Península Ibérica. E sabemos das graves consecuencias que pode ter para a conservación destes valores, a execución do proxecto de obras de consolidación no castro de Chao Samartín”.

Así denuncian os mais de 80 expertos nacionais e internacionais, a través dun manifesto, que se paralice un proxecto. Trátase das obras de consolidación do Castro de Chao Samartín, en Gradas de Salime, Asturias que terán “graves consecuencias  para a conservación dos seus valores” e que serán, segundo eles, irreversibles.

Entre os asinantes atópanse expertos tanto de universidades, museos e institucións internacionais como o Ángel Villas, o propio arqueólogo que durante décadas escavou e divulgou o castro. As obras están impulsadas polo Concello de Grandas de Salime, contan co apoio do goberno rexional e teñen un orzamento 740.000€. Mais  ameazan con levarse por diante parte da excepcional riqueza do xacemento.

Castro do Chao de Sanmartín en Salime / foto 19Tarrestnom65 CCBy Wikimedia

Obras segundo “as pautas de calquera manual de construción”

As obras están amparadas tan só por un equipo de arquitectos, que, segundo se denuncia, non consultaron ós investigadores. Como recolle nun medio local, na obra “borraranse fases enteiras da súa ocupación”, e “serán un atentado que ningunha administración pública pode consentir”, segundo afirmaba a Asociación Profesional de Arqueólogos, Conservadores y Museólogos de Asturias (Apacma) o pasado ano.

Denúnciase tamén que nas obras hai erros como o desmontaxe e reconstrución de muros. Pois algún deles estarían empenados e son unha testemuña histórica única dun tremor de terra que sufriu o castro no século II e que puido propiciar o abandono do poboado. Porén os arquitectos, como recolle outro medio, afirman que a obra “segue as pautas de calquera manual de construción, sen engadir nada”.

Castro do Chao de Sanmartín en Salime / foto 19Tarrestnom65 CCBy Wikimedia

Un replanteo insuficiente

O proxecto non tería en conta os informes técnicos nin arqueolóxicos nin contaría con estudos de impacto nin ambiental, como se recollía noutra páxina asturiana. A obra contería elementos moi agresivos como o formigón armado que se quere empregar para reconstruír muros. Tamén se presentou un proxecto para a construción dun centro de interpretación na mesma entrada ó xacemento.

A obra, que xa leva moito tempo causando polémica en Asturias, foi revisada a comezos de este ano, renunciando a algunha das actuacións. Porén o replanteo segue sendo insuficiente na opinión dos expertos que reiteran a alerta lanzada no seu memento e denuncian o forte impacto e irreversibilidade do proxecto.

Castro de Chao de Sanmartín en Salimes foto Mikel González.CCBy Wikimedia

Coa oposición mesmo do ICOMOS

Chama a atención que entre os asinantes do manifesto se atopen todos os sectores relevantes ó redor da investigación, conservación e divulgación dos valores arqueolóxicos. Nel aparecen docentes, investigadores e catedráticos e eméritos tanto de universidades nacionais como europeas e americanas.

Tamén centros de investigación, academias e museos. Aparecen directoras e directores de proxectos de investigación e musealización de xacementos prehistóricos e tamén asociacións e colectivos que traballan co patrimonio e a cultura de diversos lugares da xeografía nacional. Tamén asinan o manifesto os membros do propio equipo arqueolóxico que durante anos estudou o castro.

Castro de Chao de Sanmartín en Salimes foto Mikel González.CCBy Wikimedia

“Solicitamos”, afirman, “que se respecte a opinión emitida por ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) no que se recomenda ‘fortemente a renovación total da proposta presentada atendendo ós criterios de conservación apropiados ós que fan referencia a normativa nacional e internacional, así como ó concurso de profesionais da conservación arqueolóxica e arqueólogos coñecedores de todas as condicións científicas do sitio’”.

Un dos castros máis importantes de Asturias

O Castro de Chao de Sanmartín é un dos máis importantes de Asturias. Trátase dun poboado fortificado ocupado dende o século VI. a.C. ata o século II d.C. No seu interior ten unha sauna castrexa, murallas construídas por módulos e unha rara construción ritual onde se atopou un dos escasos restos óseos conservados nun castro.

O castro tivo unha forte romanización coa excepcionalidade de terse achado no seu interior tanto asentamentos militares estables como unha domus nobiliaria romana. Tamén foi unha referencia durante época Astur, empregándose daquela como necrópole ritual ata o século X.

Castro do Chao de Sanmartín en Salime / foto 19Tarrestnom65 CCBy Wikimedia

Pode que che interese...