fbpx
Ponte de Ferro de Monforte foto histórica

Monforte quere recuperar as súas dúas grandes pontes históricas a través dun novo proxecto

Tempo de lectura: 3 min.

Unha gran fortaleza sobre os lemos ó pé do río Cabe. Esa é identidade de Monforte. Mais, por moitos séculos, para cruzar o Cabe, este caudaloso afluente do Sil, a vila tivo que facer uso da hoxe chamada Ponte Vella. Foi así ata que no ano 1904, inaugurouse unha ampla e moderna ponte, coñecida como a Ponte de Ferro.

Tratábase dunha ponte de arco atirantado feita, como o seu nome indica, en ferro. A ponte daba paso peonil máis tamén ó tráfico rodado, que nas primeiras décadas do século comezaba a circular pola vila. Por máis de medio século a ponte permaneceu en pé, ata que, e a pesar das denuncias reiteradas de algúns concelleiros polo seu estado ruinoso, no ano 1952 veuse abaixo.

Construíuse no seu lugar unha nova ponte, alintelada e de formigón. É a que hoxe, aínda que ampliada, se conserva na vila e se coñece como ponte tal. A Ponte de Ferro, tras xacer baixo as augas foi desguazada e desaparecida. Mais a súa lembranza  nunca desapareceu da memoria da vila.

Ponte de Ferro de Monforte afundida / foto jrcasancom

Dous problemas e unha nova ponte

Foi precisamente por isto polo que o actual rexedor socialista de Monforte quixo recuperar a antiga ponte, nunha nova localización e baixo unha nova estética. Para isto convocou no pasado mes de xuño un concurso de ideas para construír unha nova ponte, no Paseo do Malecón, moi preto da ponte vella.

A nova ponte serviríaa para recuperar a lembranza e a imaxe da antiga Ponte de Ferro. Mais terá tamén outra función de excepcional importancia: servirá para liberar a Ponte Vella do tráfico e facela peonil. Trátase de devolvéndolle a monfortinos e visitantes este monumento da vila, así como a recuperación da imaxe sobre o río sen os problemas derivados do tráfico.

Ponte Vella de Moforte / foto Turismo de Galicia

Unha moderna ponte cunha imaxe de inspiración antiga

O pasado 1 de xuño dábase a coñecer o concurso. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, explicaba, nunha rolda de prensa os detalles do que sería un dos proxectos estrela do actual mandado: a construción dunha Ponte Nova do Malecón sobre o río Cabe, para a que ademais convocaba un concurso de proxectos.

 “É o meu desexo” continuou o Alcalde “que os veciños e veciñas de Monforte recuperemos parte da nosa historia cunha nova ponte localizada no Malecón, semellante á antiga Ponte de Ferro que estaba situada no lugar que ocupa a actual ponte nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX”.

Ponte Nova do Malecón de Monforte / foto Concello de Monforte

E é que a condición indispensable que deberan cumprir todos os deseños é a inspiración e semellanza na antiga Ponte de Ferro de principios de século XX. Trataríase dunha nova ponte metálica, de características similares á que existiu no seu momento, mais adaptada ás necesidades viarias actuais, con 2 carrís de 3,5 metros e as beirarrúas de 2,5 m.

Finalmente, e tras a exposición dos proxectos presentados, na casa do Concello, o pasado día 2 presentábase o proxecto gañador. Trátase dun proxecto da empresa luguesa Monsa Urbanismo S.L., que ademais presentar unha obra contemporánea e apostar por unha estética inspirada na antiga, presenta un amplo paso para os peóns protexido da chuvia.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...