fbpx
Torre do Reloxo ou da Berenguela / foto MemoryCatcherCC0

Queres coñecer a Domingo de Andrade, o arquitecto que facía natureza coa pedra?

Tempo de lectura: 2 min.

Un espectáculo de exuberante natureza esculpida en pedra. Ese é o inmenso legado de Domingo de Andrade á cidade de Santiago de Compostela, un espectáculo que axudou a converter a cidade na xoia que hoxe coñecemos. Trátase do denominado barroco de estilo vexetal ou primeiro barroco, característico do século XVII, e chámase así en referencia ó lait motive de grandes sartas de froitas e elementos vexetais.

Mais agora é posible coñecer a obra dun dos grandes xenios da arte galega nunha mostra itinerante promovida en colaboración entre o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Xunta de Galicia. A exposición, que percorrerá Galicia, poderá verse no paseo de Ferradura de Santiago de Compostela ata o vindeiro 15 de agosto, continuando despois en Tui, Ourense e Lugo.

A exposición inaugurada no día de onte está comisariada por José Ramón Soraluce e Ramón Yzquierdo, membros ambos da Real Academia Galega de Belas Artes. A mostra está composta por 24 paneis, divididos en oito prismas, nos que se amosa a través de imaxes fotográficas, planos e textos a longa traxectoria de Domingo de Andrade así como o seu traballo en construcións relixiosas e civís como templos, vivendas, claustros, sacristías ou retablos.

A Casa da Parra de Domingo de Andrade / foto Turismo de Santiago

Día das Artes Galegas 2020 e 2021

Pois, tal e como contamos durante a corentena, a Real Academia Galega decidiu dedicar este ano o Día das Artes Galegas á súa traxectoria artística. Tendo en conta as especiais circunstancias na que se conmemorou esta data, o pasado 1 de abril, con motivo do coronavirus, a institución anunciou que ampliará a súa homenaxe ata 2021 e que levará a cabo unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade.

Escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego obra de Domingos de Andrade / panoramio.com

O arquitecto das paisaxes de pedra

Domingo de Andrade creou algunhas das obras máis apaixonantes da arte galega, non so na arquitectura senón tamén como entallador e imaxineiro. Poucos anos despois da chegada de Vega y Verdugo, no ano 1676, xa abraiaba ó mundo coa súa primeira obra mestra, a torre do Reloxo da catedral de Santiago, onde repica a Berenguela, unha das obras con máis personalidade da cidade con 72 metros de altura.

Construíu tamén obras como o Pórtico Real, o gran peche monumental da praza, a Casa da Conga, a Casa da Parra ou a escaleira helicoidal de triplo tiro do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval. Mais a súa obra se estende máis alá de Santiago, transformando espazos emblemáticos en Lugo, Ourense e A Coruña ou en espazos fundamentais para o Camiño de Santiago como Oseira ou Sobrado dos Monxes.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...