fbpx
Pico Sacro / foto boqueixon.com

Queres coñecer as únicas covas de seixo natural estudadas no mundo ó pé dun dos lugares con máis mitos de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

Un completo programa de visitas guiadas xeolóxicas ó Pico Sacro promovido pola empresa Geotur Galicia en colaboración co Concello de Boqueixón. Esta será unha das grandes propostas para os domingos deste verán. Será todos os domingos ás 11.00 horas da mañá e nelas poderá coñecerse a formación do histórico monte.

Cova do pico Sacro

Neste caso, os percorridos centraranse en salientar a importancia dende o punto de vista xeolóxico do lugar. Conta, entre outros detalles, coas únicas covas de cuarzo natural estudadas no mundo, nun lugar dun altísimo valor histórico, arqueolóxico, cultural e mitolóxico. Quenes se acheguen tamén poderán gozar da impresionante panorámica da bisbarra compostelá.

Os percorridos terán como punto de encontro o aparcadoiro do Pico Sacro e durarán aproximadamente unha hora. A visita levará ás persoas asistentes a distintos puntos como o cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa. Cada parada contará con cumprida información sobre a singularidade deste enclave.

As visitas teñen un custo de 10 euros por persoa, sendo de balde para menores de 12 anos. O prezo inclúe Guía Oficial de Turismo de Galicia e Seguro de Responsabilidade Civil. As visitas cumprirán tamén todos os protocolos de protección fronte á Covid-19. Dende a empresa organizadora salientan que “a través do Pico Sacro pódese ver parte da historia xeolóxica do planeta, algo que sucede en moi poucos lugares do mundo”.

Pico Sacro / foto Iomons wikimediaCCBy

Pode que che interese...