Queres descubrir como eran as gaitas primitivas de Galicia? | Historia de Galicia
Gaita primitiva, detalle da exposición

Queres descubrir como eran as gaitas primitivas de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado mércores día 15 de xullo era inaugurada a exposición de Gaitas Primitivas, en San Xoán de Río. A exposición con material da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e da Museo Internacional de Cornamusas da cidade, cedida por Xosé Lois Foxo, fará, ó longo de dous meses, un percorrido pola feitura e a música das gaitas primitivas de Galicia.

Ademais, por primeira para este tipo de exposicións farase dun xeito dixital. Cada un dos instrumentos expostos terá un código QR no que o visitante poderá, por unha banda escoitar as explicacións sobre o instrumento a través dunha audioguía en galego, castelán ou inglés, por outra un vídeo no que verá como se toca ese instrumento e escoitará o son que ten.

As innovacións dixitais non rematan aquí. Unha vez rematada a entrada os visitantes terán a oportunidade de testar os coñecementos adquiridos nun quiz no que a través do seu móbil deberá contestar a varias preguntas para poder obter o diploma de ter completado a exposición con éxito. Ademais os que mais puntos obteñan neste quiz serán premiados unha vez que remate a exposición.

Os fondos dun singular museo 

A exposición conmemora ademais a creación en San Xoán de Río dunha banda de gaitas local, baixo a promoción do propio Xosé Lois Foxo. A exposición está desenvolvida con fondos do Museo Internacional de Cornamusas, situado dende o ano 1989 no antigo hospital do Campus Universitario da cidade de Ourense.

O museo alberga a colección de cornamusas do mundo, xerada dende 1985 ó redor da Escola de Gaitas. A colección conta con reproducións en madeira e pedra de gaitas e gaiteiros, instrumentos de percusión, fotografías antigas, un arquivo sonoro e cornamusas de diversas partes de Europa, África e sur de Asia. Xunto coa exposición editarase o catálogo Gaitas primitivas de San Xoán de Río.

Gaita primitiva, detalle da exposición

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: