Un museo-memorial permanente para Isaac Díaz Pardo no Castelo de Santa Cruz | Historia de Galicia
Castelo de Santa Cruz en Oleiros / foto HdG

Un museo-memorial permanente para Isaac Díaz Pardo no Castelo de Santa Cruz

Tempo de lectura: 2 min.

“Isaac sempre estaba disposto a acudir ás nosas chamadas. Durante máis de tres décadas, apoiounos”, “colaborou en publicacións municipais, fixo posible a instalación en Oleiros do monumento ós emigrantes e exiliados, orientounos na apertura do Centro Municipal de Formación…”. É por isto que, para Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros, Isaac Díaz Pardo forma parte da memoria do concello.

Por isto Oleiros quixo homenaxear a Isaac Díaz Pardo cun museo-memorial permanente nas instalacións do Castelo de Santa Cruz. Fíxoo con motivo do centenario do seu nacemento nun dos lugares máis senlleiros e visitados do municipio.

Isaac Díaz Pardo no seu estudio do Castro de Samoedo (Sada). 1947. Colección privada: cedida amablemente por Xosé Díaz.

Trátase dun conxunto de obras artísticas que constitúen unha homenaxe permanente a Isaac, así como un libro que levará o título dunha das obras, Ensambleisaac. O Memorial Ensambleisaac é unha obra artística de Paco Díaz que combina unha escultura construída e deseñada en base a pezas ensambladas dos oleiros e ceramistas galegos máis relevantes. Esta exposición conta tamén con obras literarias, pictóricas, fotográficas e musicais que fan referencia á figura do artista.

Ademais, na presentación do pasado sábado 18, estreouse unha obra musical inédita, arranxo de Juan Durán. No acto participaron importantes personalidades da política, da cultura e das letras do país e contou coas intervencións de Paco Díaz; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes; académicos como Ramón Villares, Fina Casalderrey Fraga e Marilar J. Aleixandre; escritores e escritoras como Ana Acuña Trabazo, Siro López Lorenzo, Antía Otero.

Monumento ós emigrantes de Oleiros / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: