A Torre da Carraca da catedral de Santiago será por primeira vez visitable | Historia de Galicia
Catedral de Santiago dende o Obradoiro / foto javierAlamoCC0_

A Torre da Carraca da catedral de Santiago será por primeira vez visitable

Tempo de lectura: 2 min.

Ó pé do Obradoiro, erguéndose preto de 75 metros sobre a praza, a Torre da Carraca ou torre norte, foi durante séculos a máis baixa das dúas torres occidentais da catedral compostelá. Foi levantada na súa estrutura medieval polo Mestre Mateo e no século XVIII foille engadida a estrutura barroca de Fernando Casas que hoxe conservamos.

Ata o de agora a visita estaba restrinxida ós investigadores, pero agora, xa é posible para o gran público visitar esta torre. Pois a partir deste sábado 1 de agosto a Catedral abriu por primeira vez esta torre ó público. Fíxoo a través de visitas guiadas, nun percorrido de unha hora iniciado no Pazo de Xelmírez, que permitiu subir as escaleiras da torre e ver a cidade dende o interior da torre e a máis de 60 metros de altura.

Catedral de Santiago en obras / foto javierAlamoCC0

A visita que se desenvolve en grupos de máximo 15 persoas e que está adaptada ás medidas de seguridade fronte á Covid-19 ten un custe de 12 euros, 10 en tarifa reducida e precisa de reserva previa. Ademais da torre a visita permitiu tamén admirar a sala de armas, a galería de Maximiliano de Austria, o salón de cerimonias, a cociña, a sala de Manrique e ao patio.

A carraca da catedral, unha peza recuperada no ano 2010

Ademais de ser un patrimonio arquitectónico único, a Torre da Carraca ten unha singularidade. Pois de entre as tres torres máis altas da catedral é a única que non sostén campás. Porén no seu interior acubilla a carraca, que durante séculos lle deu nome. A carraca é un enorme instrumento de madeira de son percutido que soaba en ausencia das campás durante a Semana Santa.

Carraca da catedral de Santiago / foto Concello de Santiago

A tradición de facer soar a carraca non é unha tradición recente, senón que se cre que pode ter a súa orixe na Idade Moderna. Porén a propia carraca foi un instrumento perdido na década de 1960 que foi recuperado polo Consorcio de Santiago no ano 2010. É unha gran caixa de madeira en aspa ou cruz de Santo Andrés na que cada un dos seus brazos mide 2 metros. Faise funcionar manualmente mediante unha manivela.

Torres da catedral de Santiago no lusco e fusco / turismodecompostela.com

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: