fbpx
Trazado da Vía Künig segundo o estudoso do Camiño de Santiago Elías Valiña

As Nogais intervén para recuperar a vía Künig

Tempo de lectura: 2 min.

Como xa contamos noutro artigo, o monxe Hermann Künig iniciou no século XV unha viaxe a Compostela desde Einsiedeln, preto de Lucerna, onde se acha a gran abadía da nosa Señora dos Ermitáns. Era o primeiro centro mariano de Suíza dende o medievo e punto de arranque da peregrinación cara a Santiago nesta parte de Europa.

Utilizou unha ruta á súa entrada en Galicia que variou con respecto ó actual Camiño Francés. Ó regreso a Suíza, redactou unha guía de peregrinos que inclúe esta variante que hoxe transcorre polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. Este texto, versificado, imprimiuse por primeira vez en 1495, en Estrasburgo, e foi moi popular entre os viaxeiros de fala alemá.

Recuperación das cunetas e pasos subterráneos do Camiño Real / foto Vía Künig

Por isto, o historiador Javier Gómez Vila, en colaboración cos cinco Concellos polos que pasa o camiño, iniciaron a recuperación da ruta, sinalizándoa e buscando o recoñecemento oficial da Xunta. Pero o Colectivo Patrimonio dos Ancares lembra que foron eles os que impulsaron a recuperación desta ruta e que tiveron a oposición dalgún concello.

O antigo Camiño Real de Carlos III

Trátase dun tramos de 13 quilómetros que discorren por este concello e que marcan o inicio da ruta alternativa. Nel procedeuse á limpeza do trazado, en melloras para xestionar a escorrentía de augas, a recuperación de pasos subterráneos de augas e cunetas, así como a consolidación do seus chans nalgunhas zonas coa colocación de estrado ou zahorra. Tamén se habilitaron espazos para o descanso de peregrinos.

Recuperación das cunetas e pasos subterráneos do Camiño Real / foto Vía Künig

Ademais a parte na que se interviu ten unha particularidade de importancia capital. Pois trátase dun tramo que mantén a estrutura do Camiño Real do século XVIII. Trátase dun trazado deseñado polo enxeñeiro francés Carlos Lemaur, durante o reinado de Carlos III e que formou parte dun dos principais accesos a Galicia dende aquela. Un novo atractivo na recuperación desta ruta histórica.

Estrado do camiño / foto Vía Künig

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...