fbpx
Catedral de Santiago dende o Obradoiro / foto javierAlamoCC0_

Así son as melloras que permitiron abrir a Torre da Carraca da catedral

Tempo de lectura: 2 min.

Tal e como contamos nos pasados días, a Torre da Carraca da catedral de Santiago será, por primeira vez, visitable. Pois a partir do pasado sábado 1 de agosto a Catedral abriu a torre ó público. Fíxoo a través de visitas guiadas, nun percorrido dunha hora, iniciadas no Pazo de Xelmírez. A visita permite subir as escaleiras da torre e ver a cidade dende o interior deste espazo e a máis de 60 metros de altura.

É un novo atractivo para a catedral que se suma ós espazos que fan da visita ó Museo da Catedral unha experiencia arquitectónica e cultural excepcional. Dende a Fundación Catedral afírmase que se trata dun novo atractivo para volver ó museo, para redescubrir cunha nova visita as súas xoias construtivas cunha nova perspectiva.

Catedral de Santiago en obras / foto javierAlamoCC0

A apertura, que estaba planeada xa para 2019, tivo que adiarse por motivos derivados da especificidade das obras na catedral. Mais foron precisamente esas obras as que permitiron converter en visitable un espazo ata o de agora só accesible para a congregación é os investigadores.

Para que a torre, xa restaurada e liberada de estadas dende vai case dous anos, puidera apreciarse tiveron que incluírse interiormente medidas como unha nova iluminación ou cámaras de seguridade. Tivo que facerse unha nova distribución dos percorridos e das saídas de emerxencia e garantizar a súa seguridade. Tamén medidas específicas para a nova situación da Covid-19 como a desinfección e a instalación de dosificadores de xel hidroalcohólico.

Carraca da catedral de Santiago / foto Concello de Santiago

A carraca en Semana Santa 

A torre norte da catedral das máis altas é a única que non sostén campás senón que no seu interior acubilla a carraca. Este é un enorme instrumento de madeira de son percutido que soa en ausencia das campás durante a Semana Santa.Trátase dunha gran caixa de madeira en aspa ou cruz de Santo Andrés con brazos brazos de máis de 2 metros. Faise funcionar manualmente mediante unha manivela.

Aínda que a súa tradición sonora foi lonxeva, a carraca foi un instrumento perdido na década de 1960. Tivo que ser recuperado polo Consorcio de Santiago no ano 2010. Dende aquela soa, varias veces ó día e cada ano, no Venres e Sábado Santo. Agora, coa apertura ó público da torre norte da catedral a Fundación anuncia tamén que poderá ser escoitada polo público eses días.

Catedral de Santiago dende o Obradoiro / foto rafacomuCC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...