Atopados dous petróglifos no Concello de Lugo 65 anos despois
O historiador Manuel Vázquez Seijas, no Boletín da Comisión de Monumentos de Lugo dos anos 1954-55, publicou un traballo baixo o título “Mansión céltica en tierras lucenses” onde achega un plano moi esquemático que lle fixera o veciño de Penarrubia don José da Riva Varela, autodidacta e afeccionado á arqueoloxía que donara unha vintena de pezas ao Museo Provincial de Lugo, entre outras unha ara galaica adicada á deusa Navia que atopou no castro de Penarrubia a principios dos anos setenta. Don José, coincidindo co centenario do seu nacemento, foi homenaxeado nun acto celebrado no MIHL (Museo Interactivo do Museo de Lugo) no ano 2016 como recoñecemento ao seu labor como defensor do patrimonio.
O plano do señor Da Riva Varela entregado a Vázquez Seijas consistía na ubicación de 35 penas situadas entre as parroquias de Adai e Santa María de Alta. Todas as pedras, identificadas polo seu nome, contiñan gravuras: 31 con coviñas e cruciformes, tres con círculos dos que partía unha ou máis frechas, e só unha, a Pena do Castrillón, presentaba motivos circulares con cruz central, coviñas e un motivo de difícil interpretación. No ano 2017, ademais das indicadas no citado traballo, os do noso colectivo localizamos media ducia de círculos máis con frechas; e no 2109, na sinalada como Penas do Caldeiro, varias coviñas e cruciformes.
Agora, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de documentar dúas novas penas con gravados de círculos concéntricos que serían os primeiros atopados na zona; da coviña central dun destes círculos parte cara o exterior un apéndice ou suco; nas penas vense tamén algunhas cazoletas. A pesares do esquematismo do plano en cuestión, cremos que serían as nomeadas como Pena da Pascua ubicada en terreos de Santa María de Alta, e a Pena da Lebre que se atopa entre as dúas parroquias. Aínda que no plano publicado por Vázquez Seijas non figuran estes motivos, cremos que lle puideron pasar desapercibidos debido á erosión o que non permite velos claramente.
Ata o presente, das 35 pedras con gravuras do plano de don José da Riva só están catalogadas por Patrimonio as denominadas como Pena do Castrillón e a Penafita.
Ademais das dúas catalogadas e das que levamos localizado, descoñecemos en que estado de conservación se poden atopar o resto xa que, dende a confección do plano hai 65 anos, a zona sufriu diversas actuacións (cortalumes, camiños, repoboacións forestais, extracción de pedra, etc.) que puideron facer desaparecer ou alterar moitas destas penas. De todos os xeitos a busca debe continuar xa que estamos a falar dunha importante zona arqueolóxica onde ademais destes petroglifos da Idade do Bronce, cunha antigüidade de hai uns 4.000 anos, nun reducido espazo de terreo hai mámoas, castros e restos de época romana que se deben conservar e divulgar.