fbpx
Unha pola de Carballo / foto CocoParisienneCC0

Deberíanse conservar as árbores autóctonas no entorno dos xacementos galegos?

Tempo de lectura: 2 min.

Menos eucaliptos e piñeiros e máis carballos . Esta parece ser a conclusión a un estudo publicado na revista científica Science of The Total Environment  por investigadores da universidades de Santiago de Compostela, da Universidade de Vigo, o Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal, o CSIC de Sevilla e da Universidade de Évora en Portugal.

O estudo afirma que os carballos teñen maior resistencia ós efectos do lume que piñeiros, eucaliptos e matogueiras, reducindo os seus efectos sobre a pedra e facendo que os danos sexan menores. O estudo identificou o impacto dos incendios forestais de outubro de 2017 no granito no entorno de Vigo e en concreto en varios xacementos de Coruxo con petróglifos da Idade do Bronce.

Un petróglifo afectado por lumes en Monterrei / Bruno Rúa – FB-Via XIV

Se ben, segundo o estudo, o efecto do lume non provocou cambios mineralóxicos nin cambios no sistema de fisuras do granito, si se apreciaron alteracións na superficie da pedra e nas incisións dos petróglifos. Trátase do proceso coñecido como termoclastia, un quecemento das capas superficiais da pedra que fan que se dilate e as capas se desprendan, causando a desaparición das gravaduras na mesma.

A flora autóctona e en concreto os carballos poderían actuar como cintos protectores ó redor dos sitios arqueolóxicos, ó reducir a severidade dos incendios. Por isto piden ás administracións que se establezan cintos de seguridade mediante a plantación e conservación de masas de carballos arredor dos sitios arqueolóxicos. A nova foi recollida por Alberto Quián no xornal Galicia Confidencial.

Lume en terra visto dende o mar / foto 12019CC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...