fbpx
Torres arzobispais de Pontevedra que acollerán o centro de interpretación da historia medieval da cidade

O Concello de Pontevedra quere poñer en valor o “esplendor” da cidade na Idade Media

Tempo de lectura: < 1 min.

O Concello de Pontevedra converterá o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais no Centro de Interpretación da Cidade Medieval. Este centro organizará visitas aos achados arqueolóxicos que, ademais dos restos da antiga fortaleza, tamén abarcarán o tramo da muralla medieval localizada na rúa Arcebispo Malvar, os xacementos da praza Valentín García Escudeiro e o Campiño de Santa María, onde se sitúan vestixios de Casa-Torre da familia de Tristán de Montenegro.

O futuro Centro de Interpretación da Cidade Medieval, segundo o edil de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, será o centro de control de todos os achados sobre o pasado da cidade, centro de recepción de visitantes e punto de partida das rutas interpretativas -sinalizadas con paneis informativos- sobre a historia de Pontevedra.

Deste xeito, Pontevedra incrementará a súa oferta cultural e turística dándolle “protagonismo a unha época dourada”, entre os séculos XV e XVI, cando a cidade tiña o porto “máis importante de Galicia”. Desta etapa consérvase, os restos do antigo peirao medieval, na Praza Valentín García Escudeiro onde, precisamente, realizarase unha actuación para mellorar a visita e apreciar máis as estruturas do dique.

Desde o concello de Pontevedra destacaron a “singularidade” desta cidade desde o punto de vista patrimonial, en tanto este porto, vinculado á ponte do Burgo, foi un “elemento fundamental no esplendor comercial” daquela época, a diferenza doutras localidades onde predominan restos de orixe romana ou doutras etapas históricas.

O Goberno local contratou a redacción do proxecto museolóxico, por un importe de 17.303 euros, co obxectivo de que finalice a finais deste ano e poida implantarse en 2021. Aínda que o proxecto anunciouse o último trimestre de 2019, a suspensión de prazos motivado polo estado de alarma sanitaria acabou atrasando a tramitación.

Pode que che interese...