fbpx
Estado actual do histórico café Derby / foto cedida pola Inmobiliaria Quantrium

O histórico café Derby de Santiago, de xoia cultural da cidade a local nunha web de anuncios

Tempo de lectura: 3 min.

“Alúgase local histórico na entrada da zona vella da cidade de Santiago de Compostela cunha espectacular fachada con vidreiras. Dispón dun total de 180 metros cadrados distribuídos en dous andares, chan e soto. Licencia de Café-Bar”. Trátase do histórico café Derby.

Aquí Federico García Lorca, Ramón María del Valle-Inclán, Isaac Díaz Pardo, Carlos Maside, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Domingo García Sabell e moitísimos outros deixaron a pegada do seu pensamento. Tamén médicos, profesores universitarios, avogados, científicos… Todos eles pararon nalgún momento conversar no compostelán Café Derby, ó pé da praza de Galicia, entre a zona vella e o ensanche da cidade.

Estado actual do histórico café Derby / foto cedida pola Inmobiliaria Quantrium

No Derby tiveron lugar algúns dos faladoiros máis importantes da cidade da década de 1930, refuxio de ideas, de intelectuais, de profesores, de republicanos e galeguistas. Foi o lugar xerme da fundación do Partido Galeguista en 1931 e de moitos dos grandes debates no seo da universidade. O Derby foi dende aquela un emblema da cidade de Santiago.

Mais o pasado mes de xuño, tras o remate do Estado de Alarma, o histórico Derby pechou. Fíxoo despois de que a súa propietaria, Victoria Domínguez, decidira finalmente, e tras máis de 35 anos á fronte do local, xubilarse ós 85 anos de idade. Ela,que recolleu do seu pai, un dos primeiros propietarios, o negocio, decidiu abandonar con preto dun século de historia o proxecto daquel histórico Derby.

Estado actual do histórico café Derby / foto cedida pola Inmobiliaria Quantrium

Un moderno café no epicentro da modernidade de Santiago

Pois o Derby naceu fai exactamente 91 anos, cando un pequeno emprendedor Avelino San Luís, sen experiencia en hostalería converteu unha vella taberna nun excepcional café ó estilo dos máis modernos establecementos de Madrid ou París. Era o tempo da modernización na cidade, o momento no que se estaba a construír o Hotel Compostela, no que se estaba a desenvolver o ensanche e cando o lugar, daquela dominado polo edificio Castromil -o Quiqui bar-, era o gran centro de modernidade da cidade.

Estado actual do histórico café Derby / foto cedida pola Inmobiliaria Quantrium

O proxecto de Avelino San Luís non reparou en gastos. Un longo mostrador de mármore de carrara, ó estilo do momento, madeiras de caoba de Cuba nos zócalos das paredes ou vidreiras de estilo veneciano daban o lugar un ambiente que ben podería ser propio de calquera capital europea. O Derby contou tamén cunha das primeiras máquinas de café expres da cidade e, sobre todo, cun ambiente que invitaba a todo o que alí sucedeu.

De icona da cultura a un baleiro local nunha web

Vitoria Domínguez anunciaba a comezos do pasado xuño, nun coñecido xornal, a despedida do Derby. Dende aquela, aínda que as reaccións de lembranza e homenaxe non deixaron de chegar, non o fixeron así quen decidira continuar coa tradición hostaleira. Porén, ó longo das seguintes semanas, non deixou de haber empresarios interesados no local. Mais ningunha destas propostas fraguou.

Estado actual do histórico café Derby / foto cedida pola Inmobiliaria Quantrium

Agora a inmobiliaria Quantrium da cidade, fixo recaer parte da historia deste lugar da no portal inmobiliario Idealista. O prezo máis de 5.000 euros ó mes e máis de 30 o metro cadrado. Publicítase como un histórico local na entrada da zona vella. Nas fotos, xa baleirado de mobiliario, mais coa certeza da protección que lle confire á barra, zócalos e vidreiras o Plan Especial, o vello Derby, agarda un novo tempo.

Pode que che interese...