fbpx
O rego do Porto Espiño atravesa a carballeira que a mina de coltán proxectada en Beariz poría en perigo / Capitán Gosende

Unha nova megamina de coltán arrasará coa carballeira do Porto Espiño, en Beariz

Tempo de lectura: 4 min.

Póñome na pel das persoas que lle profesan querenza á parroquia de Xirarga (Beariz). Identifícome con aqueles que lles tira a aldea, cos resistentes, cos resilientes,  cos que en Xirarga decidiron pasar os días da vida. Recoñézome nas familias de Xirarga que investiron os seus aforros en manter en pé as súas vivendas tradicionais ou en transformar os pardiñeiros en fogares saudosos e acolledores. Solidarízome cos veciños de Framia, da Correa, da Abeleira, da Alén, de Doade, cos sensíbeis e sensibilizados, porque a mala fada sementou de coltán a súa tenza montesía.

Do volframio nazi ao coltán neocón, a rapina dos minerais estratéxicos paira arestora no ceo de Xirarga. De non escorrentalo axiña, entre a Lamacega e o Marcofán, o paxaro de mal agoiro fincará as poutas nos colados e fondeiras, nas valgadas e regueiros, nas agras e mais nas carballeiras. Tras lle fincar as farpas, o cazapo de Xirarga, carpido e apadumado, exporá inexorábel as súas entrañas ao mosqueiro.

En Beariz, se a minoría concienciada non é quen de persuadir a maioría apalermada, o furón canadense haberalles trocar a facenda verdegaia polo vougo irreanimábel, a montaña polo cráter, a fonte polo xurro, a chá pola barranca, a calma polo estouro, a veiga polo lameiro, o outeiro pola fariña de rocha; levarán o óleo e deixarán o farelo. En definitiva, cambiaranlles os ollos polo rabo. En Xirarga non se vai abrir unha mina, senón a fosa común onde soterrar de vez a prea de Montes.

Solidarízome cos xirargueses de ben, cos dignos, cos indignados, cos que non se resignan. Solidarízome, eu que non posúo, tras do Seixo, nin tan sequera unha chousa, unha herdade pola que seguir pagando tributos. Manifesto o meu apoio, porque Xirarga tamén me deu a probar o bebedizo dos afectos; porque a paisaxe de Xirarga tamén me engaiolou.  

Sentimentalmente, nada me une aos que, advertindo a desfeita, adoptan a pose da indiferenza e o desprezo, do inmobilismo e a compracencia política. Xamais haberá recompensa para os que xogan con dúas barallas, para os comenenciudos. No pecado levarán a penitencia.

Ameazados polas evidencias do cambio climático, a humanidade razoábel apela á ecoloxía e á harmónica convivencia co medio natural. Dende hai anos, o colectivo Capitán Gosende vén trasladando esta xusta e necesaria reivindicación a unha comarca trillada de centrais hidroeléctricas, parques eólicos (non nos deixemos enganar polo conto das “enerxías limpas”) e, aínda por riba, da devastadora megaminaría.

Peches tradicionais no seo da carballeira de Porto Espiño, en Beariz, en perigo por unha mina de coltán / Capitán Gosende

O colectivo Capitán Gosende esixe a salvagarda do bosque autóctono, dos humidais, das correntes de auga, da arquitectura tradicional, da economía agropecuaria. No caso de Xirarga, o colectivo Capitán Gosende oponse de xeito catégorico á destrución da carballeira do Porto Espiño a mans dunha mina de coltán, promovida na distancia por arribistas sen escrúpulos. A multinacional mineira proxecta explanar sete hectáreas no monte de Doade para convertelas nun circuíto de padexadoras e buldóceres. A nivelación da valgada fará desaparecer para sempre a carballeira do Porto Espiño, un ameno oasis de biodiversidade caducifolia enclavado nunha contorna de monte baixo e monocultivo forestal.   

Forte impacto

A empresa mineira pretende acometer esta colosal remoción sen o preceptivo informe de impacto ambiental. Non obstante, sobre a carballeira do Porto Espiño e a súa revolta rexen as figuras de protección de hábitat de interese comunitario (carballeiras e urceiras secas atlánticas) e de hábitat de interese prioritario (brañeiras e bosque de ribeira). Só faltaba que, en Beariz, a autoridade, a por de despendida, acabase incorrendo nun delito.

O 9 de agosto visitamos o lugar, confirmando as sospeitas que xa percibiamos sobre o plano do proxecto de explotación. De o permitirmos, o entullo desprazado da explanación soterrará nun pestanexo a fraga do Porto Espiño, desbaldindo a riqueza natural e etnográfica do pequeno avesedo. Tabula rasa.

O rego do Porto Espiño, que discorre polo Lombo do Bido abaixo, atravesa lizgairo a carballeira na dirección sudoeste-nordés; nel abocan outras dúas regatas, que lle dan porte. A seguir, o Porto Espiño desauga no rego do Porto da Anta que, encaixado no fondal da valiña, vira o seu curso cara ao sueste, até amecer no río de Doade. O río de Doade (ou de Cardelle) desemboca no Avia, e o Avia, á súa vez, no Miño. Deste xeito, o veleno escoado dos labores mineiros de Xirarga, amais de empezoñar a terra de seu, atinxirá, no avantar da corrente, as varcias fecundas de Leiro, de Beade, de Ribadavia, de Cortegada, de Arbo, de Tui, da Guarda e, finalmente, o Atlántico.     

A carballeira do Porto Espiño é unha boscaxe de aproximadamente unha hectárea de superficie. Medra á beira do Porto Espiño, fluente que vivifica unha fronde de árbores e matogueira autóctonas (carballos, bidos, salgueiros…). A vida outorga vida. Naquela selva pequeneira, gorécense da bátega e do calmizo infinidade de paxaros chiadores. Toqueira e acubillo, postorio e espreita. Na cadea trófica non sobra elo ningún. O rego do Porto Espiño déixase atravesar por unha fermosa ponticela de lousa. Os agros e zarras acóutanse con valos de enxeñosa e secular feitura, tapizados de carriza, imperturbábeis. O tempo detívose na carballeira do Porto Espiño, onde o silencio e a quietude semellan presaxiar a vaga expansiva da primeira explosión.

Bidos, carballos en piñeiros na carballeira na que queren construír unha mina de coltán / Capitán Gosende

O pobo de Beariz, de Xirarga, de Doade non debe ceder a súa terra a intereses espurios, por moito que a autoridade impoña a mansedume do colonizado e dea por amortizados os riscos para a saúde dos seus paisanos. O coltán fará levedar o miolo bancario dos novos corsarios, mentres o pobo de Xirarga se terá que conformar co pan reseso de cada día: sete terremotos de dinamita e, por diante da porta, cincuenta camións acugulados de cascallo e poeira. E así, durante anos.

Cando tras un martirio de décadas, os colonizadores dean por rematada a criba do seu ouro, abandonarán Beariz pola calada, deixándolles ás xeracións futuras, amais da escoura, un furado no monte e outro na alma: o ermo e a vergonza.  

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...