Ames e Brión celebrarán este sábado a nova vida das Torres de Altamira | Historia de Galicia
Representación de Os Quinquilláns nas Torres de Altamira / fotograma do vídeo de presentación

Ames e Brión celebrarán este sábado a nova vida das Torres de Altamira

Tempo de lectura: 3 min.

A primeira festa histórica da comarca da Maía. Esa será a celebración que a Deputación da Coruña e os Concellos de Ames e Brión promoven para conmemorar a historica da Batalla de Altamira e pór en valor as ruínas das Torres, un dos castelos máis importantes de Galicia.

Será o vindeiro sábado día 19, despois de que a conmemoración do 549 aniversario da batalla o pasado 13 de xuño, fora adiado pola Covid-19. Entre os actos deste “Altamira Brilla” estará a presentación do libro sobre as Torres, unha recreación histórica e un concerto. A celebración contará con aforo limitado, entrada anticipada e protocolos sanitarios adecuados.

Torres de Altamira / foto GFDL CCBy Wikimedia

Un estudo sobre a importancia das torres e unha futura intervención

A xornada dará comezo ás 12.00 horas no restaurante Ponte Maceira, coa presentación do libro “A Batalla de Altamira”. O libro, un excepcional estudo de máis de cen páxinas, sobre a histórica batalla e as Torres, foi escrito polas historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez.

Na presentación, ademais do Concelleiro de Turismo de Ames Manuel Lens, e o deputado de Patrimonio Xosé Luis Penas, participará tamén o arquitecto Mario Crecente. El dará conta das actuacións que está a preparar a Deputación da Coruña no monumento.

Cartaz da festa

Unha recreación histórica, petiscos e un concerto

O cumio da festa será a partir das 20.00 horas cando a compañía teatral Os Quinquilláns representarán a batalla de Altamira, no propio escenario das torres. Trátase dunha posta en escena á que seguira un convite con bebidas e petiscos para os participantes antes de que o concerto de Baiuca poña fin ás 21.30 horas á primeira festa histórica da Maía.

Para participar na festa, devido á situación da Covid-19, será necesario reservar a entrada previamente. O acceso ó recinto será unicamente en autobús e para participar na conmemoración será necesario mercar entrada anticipada que incluirá, ademais da asistencia, transporte e petiscos, o libro sobre a Batalla de Altamira.

 

 

O inicio dun novo tempo para as Torres

A conmemoración, en inicio programada para xuño, pretendía ser a primeira festa da Batalla de Altamira, así como a presentación de libro e das obras a desenvolver no lugar pola Deputación. Trátase de “dar a coñecer un importante episodio da historia de Galicia, que moitas persoas descoñecen, pero que foi fundamental”, como afirma a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral.

“Con esta conmemoración queremos botar a andar unha festa histórica que agardemos que teña unha longa vida e que o ano próximo se poida desenvolver sen as restricións que agora temos”, como explica o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas. É a “posta en valor e dignificación deste patrimonio e unha nova etapa nun emprazamento que é un símbolo para todo o País“.

Altamira Brilla, detalle do cartaz

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: