fbpx
A primeira sondaxe arqueolóxica en Proenzos deixa xa ao descuberto restos de orixe romana

Aparecen os primeiros vestixios da cidade romana de Proendos

Tempo de lectura: 2 min.

A escavación arqueolóxica impulsada pola Xunta no xacemento de Proendos, no municipio lucense de Sober, está a dar resultados despois das primeiras xornadas de traballo. Así, a intervención, que se iniciou esta mesma semana, sacou á luz os primeiros restos das estruturas de edificacións localizadas a un nivel moi superficial.

A Consellería de Cultura decidiu iniciar esta actuación debido á transcendencia dos resultados obtidos na prospección xeofísica levada a cabo polo concello de Sober no ano 2019, unha intervención que permitiu constatar a existencia de “complexas estruturas baixo terra” en todas as parcelas prospectadas, posiblemente a maioría de época romana.

Escavación no xacemento de Proendos, en Sober / Xunta

Ademais, esta intervención deu a coñecer a existencia de, polo menos, un complexo termal de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas. Os traballos tamén achegaron datos en relación tanto a fases anteriores, como un posible foso defensivo, quizais vinculable a elementos castrexos, como posteriores, con posibles tumbas e elementos funerarios medievais na contorna da Casa Reitoral de Proendos.

O Goberno galego está a impulsar os traballos arqueolóxicos no xacemento de Proendos coa finalidade de favorecer a investigación deste “importante espazo” enmarcado na Ribeira Sacra, unha paisaxe que conta coa declaración de Ben de Interese Cultural e que é candidato a ser declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Dita actuación, que conta cun prazo de execución previsto de dous meses e unha intervención de campo de dez días, consistirá na realización dunha serie de sondaxes arqueolóxicas evaluativos naqueles puntos que teñen un maior interese histórico-arqueolóxico, como son a zona da posible existencia dunha ábsida, dun pavimento/mosaico, de almacéns tipo ‘horrea’ e dun hipocausto.

Pode que che interese...