fbpx

Así era o deseño antigo nos ollos de Luis Seoane

Tempo de lectura: 8 min.

Unha das grandes fontes de inspiración de Luis Seoane foi o deseño antigo. Moito do seu imaxinario estaba entroncado cun historicismo contemporáneo. Pero mais alá da recreación de figuras históricas coma Inés de Castro ou de esceas de intres decisivos da Historia galega, está o xeito no que foi quen de observar, atender, estudar, analizar, asimilar as formas, motivos, texturas e ritmos que caracterizan a ourivería galega antiga para proxectar a sua modernidade atemporal.

Luis Seoane na sua casa de Buenos Aires, xunto as xarras de personaxes medievais realizadas en O Castro en 1967. Fundación Luis Seoane (A Coruña).

Este razonamento xurdira moito antes de que Seoane publicara obras como Imaxes de Galicia en 1978. Os anos 20 foron na arte galega un periodo extraordinariamente fecundo. Non so xa en canto ao emerxer dunha novas xeracións de artistas formadas e cun senso de estilo xenuíno senón tamén en canto a presenza de estetas como Risco, artistas simbolistas como Díaz Baliño e sementeiras como o Seminario de Estudos Galegos que en sinerxía deron lugar a unha conciencia estética. Unha parte importante desta conciencia estética foi tanto a consideración do que era o legado de pezas históricas como tamén a súa difusión. Pero tamén, igualmente, o que aportaban, o que levaban con elas en canto a unha elegancia e unha calidade visual, cun valor material, contido intelectual e unha personalidade definida.

Tendo en conta a data na que naceu Seoane -o 1 de Xunio de 1910- pode verse que o seu traballo artístico ten os seus alicerces nas ideas que xurdiron nesta época e que floreceron baixo a sua éxida. A consecución dunha idea no tempo, por cedo ou tarde que sexa, non sempre implica fracaso ou éxito inmediato senón que ensina a formación da tradición, entendéndose a tradición como un proceso orgánico no cal acumúlanse a sabedoría, o bo facer, a orixinalidade, a experiencia e os coñecementos adquiridos, evolucionados e perfeccionados durante xeracións. Ese é o senso que existe en Seoane respecto a ourivería e o deseño: as formas existentes na alfaias en ouro como torques, diademas, colares ou armas como puntas de lanzas ou espadas de antenas dan testemuño dunha riqueza de motivos ornamentais que, sen prender no superficial, resultan aplicacións perfectas para os obxectos, prendas e útiles precisos na actualidade.

Detalle dun dos torques do Castro de Xanceda. Segunda Idade do Ferro. Autoría descoñecida. Museo Arqueolóxico e Histórico “Castelo de San Antón” (A Coruña).

Qué é o que Seoane ve na ourivería antiga galega? Qué posibilidades ve nela? O primeiro de todo é como en pezas dun tamaño medio preséntase unha considerable cantidade de formas esenciais concentradas. Un torque como o de Xanceda está caracterizado por formas abstractas nas que predominan formas circulares consecutivas, liñas intercaladas de volumes escultóricos, triángulos realizados de forma degradada e segmentos dobres intercalados ata constituír rectángulos. Trátase de formas xeométricas e limpas, pero sen resultar severas e frías. Por suposto nesta percepción inflúe o excelente traballo do ouro, un material dúctil que permite unha alta adaptabilidade. Pero mesmo nesto as habilidades dos antigos resultan mesmo hoxe fora dos estándares habituais: cómo facían estas obras, con esta sutileza, equilibrio e refinamento, segue a ser unha materia de estudo inesgotable.

Dado o valor que ten no deseño contemporáneo as creacións de liñas pulidas, fluídas, dinámicas e funcionais para ser reproducidas en serie, Seoane comprendeu que boa parte da linguaxe visual de diademas ou torques seguían estando vixentes. Tendo en conta a enorme revolución que supuxeron movementos como o Cubismo, Seoane coñecía ben o pensamento de Picasso así como a influencia que nel tiveron pinturas como as rupestres. Isto non era exclusivo tampouco de Picasso, pois moitos artistas europeos dende os anos 10 e 20 estudaran con atención a arte popular e antiga como solucións para os seus respectivos estilos. (Un exemplo disto son os deseñadores de mobiliario e xoiería do Art Decó). Neste aspecto Seoane encaixa con todos eles, mais que so copialos.

Sentada como nun trono. 1959. Luis Seoane. Técnica: Gravado en madeira sobre papel. Medidas: 45,7 x 36 cm. Fundación Luis Seoane (A Coruña).

As súas pinturas e sobre todo gravados mostran unha experimentación respecto a figura humana e o entorno na cal as figuras atópanse sintetizadas xeometricamente e reconstruídas mediante superposicións de liñas entrelazadas. Prima, en esencia, a visión frontal dende a cal obsérvanse tódolos puntos de vista tan querida polos cubistas. Pero tamén nelas respira o pulo volumétrico, a claridade, as composicións vivas e flexibles e o seu carácter aplicable. Termos que son tan apropiados para definir o aspecto dun torque como os cartaces, gravados, capas para discos e libros concibidos polo artista para ser producidos de maneira masiva para a sociedade. Un valor engadido por Seoane a esta cuestión foi que as formas, ademais dos temas, tamén son pedagoxía. O diálogo establecido por el resulta tan efectivo que na actualidade, na sua liña, o estudo arqueolóxico e artístico segue man a man co ámbito da industria e da produción.

A obra que mellor recolle esta filosofía de Seoane é Imaxens celtas. Trátase dun álbum de gravados realizado en 1977 no cal o artista plasmaba imaxes que recreaban figuras significativas, animais nobres e árbores veneradas da Gallaecia dende o século IV a.C. Debido a que buscaba trasladar a quen vira o álbum as citadas características que apreciara en pezas de ouro e bronce, buscou potencialo facendo estes gravados mediante unha prancha de madeira tallada de tal xeito que, mesmo as posibles imperfeccións que poidera ter, resultaran unha parte positiva da estética. Isto conseguiuno mediante dous puntos.

Cerna do tronco de maciñeiras. Fotografía: Iria-Friné Rivera Vázquez.

O primeiro punto foi que aproveitou as texturas naturais da cerna da madeira para integrala dentro das composicións e o segundo punto foi que o tratamento en detalle dado a cerna deu lugar a unha imaxe cun acabado moi depurado. De este xeito o representado por unha parte resultaba experimental e por outra parte clásico; experimental porque levou a esencia das formas a súa máxima expresión e clásico porque o senso de ritmo, a medida das proporcións e a harmonía figurativa están axustadas. Como álbum visual é moderno sen resultar extremo e maxestoso sen resultar anacrónico, cunha imaxe dun atractivo sobrio axeitado para un país novo. O resultado é unha obra efectiva a tódolos niveis: realizada en branco e negro, os fondos escuros fan destacar as liñas e pespuntados brancos, dando unha impresión expresiva e práctica, auténtica e fermosa, comprensible i extraordinaria a vez.

Árbore. Imaxens celtas. 1977. Luis Seoane. Técnica: Gravado en madeira sobre papel. Medidas: 25,5, x 23,5 cm. Fundación Luis Seoane (A Coruña).

Imaxens celtas componse, xunto cos gravados, dun texto explicativo onde Seoane expón a súa consideración sobre a linguaxe figurativa antiga galega. En Sinal o artista mostra cal son os seus referentes e cómo os estuda, partindo de exemplos como a transformación das imaxes de moedas helenísticas como as de Filipo II de Macedonia por parte dos celtas e a forma na que el traslada esta metamorfose (véxase a imaxe dupla do encabezamento). Seoane escribe:

Estes gravados tratan de representar o desenrolo de unha das primeira esquematizacións deitas na prehistoria  afirmando unha vontade estética, non programada como se faría hoxe, senón alentada polo que chamaremos o subconsciente colectivo que espresa o gosto dun pobo. Os celtas do Leste europeo e da Galia imitaron, para suas moedas e medallas a que fixeran os gregos para representar ao Rey Filipo II de Macedonia, S – IV, pai de Alexandre o Grande. Os grabadores figurárono coa testa laureada no seu anverso, e, no seu reverso, figurando unha cuadriga. A moeda grega está feita seguindo o natural. A testa de Filipo de Macedonia atende aos rasgos característicos dél, ou así nos parece, e a cuadriga está no releve seguindo o modelo clásico. Mais o naturalismo dos gregos convertírono os celtas pouco a pouco nunha especie de simbolismo. O proceso abarcou mais de dos séculos. A cabeleira de Filipo de Macedonia trocouse nun ornamento de gran riqueza decorativa, fose quen fose heroi ou rey celta que representase. Os ollos pasaron a ser triángulos como os que pechan as pupilas do Deus cristián, ou simbolizan para nós as Santísimas Trinidades. As articulacións das patas dos cabalos transformadas en círculos. Rematando o simbolismo que sucedéu ao naturalismo prodúxose unha das abstraccións de orixen antropomórfico mais coñecidas do arte prehistórico oucidental, na que foron trocados en signos os seus herois e deuses. O importante para eles foi a construción rítmica e abstracta do que representaban.  Despoxaron o seu arte da ideia de que a beleza encarnábase no naturalismo a partir da figuración representativa da natureza e do home como fin do arte.

A esquerda: Fragmento da Diadema de Ribadeo. Idade do Ferro. Autoría descoñecida. Museo Arqueológico Nacional, Madrid. A dereita: Cabalo. Imaxens celtas. 1977. Luis Seoane. Técnica: Gravado en madeira sobre papel. Medidas: 25,5, x 23,5 cm. Fundación Luis Seoane (A Coruña).

Outra cousa que pon de manifesto o texto que escribira é que Seoane aprendera moito da ourivería e isto vese na atención que prestou as pezas achadas e aos escritos antigos latinos nos que aparecían mencionadas obras destacadas e artistas da metalurxia galaica. En Sinal apunta:

Os celtas foron grandes orfebres. Deixaron en Galicia grandes exempros desto: a Diadema de Ribadeo, o escudo para Aníbal feito polos galegos, que non coñecemos dél máis que a cita na que se fala da ademiración exercida nos antergos, as xoias, a esistencia de un orfebre desta terra, Medamus, que traballou nas ribeiras do Rhin, etc…e que revélanos a calidade que tiñan acadado.

Estas reflexións súas, xunto coas citas que engadía nas audicións radiofónicas de Galicia Emigrante, ofrecen unha visión moi clara de cal era a súa perspectiva ao respecto. No programa radiofónico emitido o 4 de Marzo de 1956 fixo alusión a excelencia dos galaicos como xinetes e que nas xustas deportivas entre castros “disputarían algún escudo o copa áurea de los talleres de los excelentes orfebres de que estaba poblada Galicia. Copas de oro como las que se entregaron con otros presentes, armas magníficas y bellamente adornadas y un escudo labrado cuyo resplandor aterrorizaba al general cartaginés Aníbal”. Esta admiración mesmo chegara a ser inmortalizada polos grandes poetas romanos, como ben indicaba Seoane: “Marcial, en el epigrama que dirige a Charino, habla de las copas de oro de la Galaecia, de una belleza tan alta como las esculturas de los más grandes maestros griegos”. O poema ao cal fai referencia o artista é o seguinte:

Phiala aurea caelata
quamuis Callaico rubeam generosa metallo
glorior arte magis: nam Myos iste labor
Marcial, XIV, 95

Cincelada copa de ouro
nobre polo fión Callaico, aínda que me dea rubor
estou orgulloso fundamentalmente pola túa arte: este é un traballo de Mios.

Son con estas influencias, conceptos e observacións o xeito co que Seoane quixo trasladar unha nova óptica ao legado histórico das orixes galegas. Como el mesmo escribiu para Sinal -e que poderíase aplicar como obxectivo da súa producción artística, chea de confianza nos que virán- “o que eu fixen con estes grabados é señalar o meu homenaxe a ese primeiro poceso de abstracción do que en parte os galegos somos herdeiros”.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...