fbpx
Posible nova sauna castrexa atopada no castro da Maradona, en Barreiros / Mariña Patrimonio

Descuberta a que podería ser a sétima sauna castrexa de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

As Asociacións Culturais Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo veñen de descubrir un novo castro no Lugar de A Maradona, parroquia de San Xusto de Cabarcos no Concello de Barreiros, en Lugo. Un castro que, segundo estas entidades gardaría un novo e importante descubrimento: unha sauna castrexa. De confirmarse o achado, sería a sétima descuberta en Galicia e a terceira da área

Este novo sitio arqueolóxico foi localizado trala corta no monte de eucaliptos, que  ocultaban o xacemento. O castro, que está situado nun esporón rochoso a modo de península, formada entre o río Masma e o rego Puxigo, ten uns 110m de longo por uns 50 de ancho.  No ismo desta península atópase un impresionante  foxo picado na rocha que se converte en foxo dobre na metade do seu traxecto. Xa no interior do castro,  xusto na entrada, apréciase unha edificación parcialmente desenterrada na que se pode ver un muro recto duns tres metros, que remata nunha cabeceira semicircular. Esta edificación semella que conserva o arranque dunha falsa bóveda construída por aproximación de fiadas. Tanto polas características desta construción como pola súa ubicación podería tratarse dunha sauna castrexa.

Sauna Castrexa no castro da Maradona, en Barreiros / Mariña Patrimonio

Tres na Coruña, tres en Lugo e unha en Ourense

En Galicia só se coñecen as saunas castrexas  de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), Borneiro (Bergantiños) , Espasante (Ortigueira), O Sarridal (Cedeira), Castañoso (A Fonsagrada) e a de A Atalaia (Cervo). De confirmarse como sauna  a edificación do castro da Maradona, sería a sétima das atopadas en Galicia.

Trala descuberta deste novo xacemento en Barreiros, e despois de comprobar que non figuraba no Catálogo de Bens Patrimoniais, Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo informaron ao Servizo de Arqueoloxía de Santiago sobre este achado así como dos movementos de terras que se tiñan realizado no lugar para ampliar pistas forestais. Por outro lado, ante a posibilidade de que labores de repoboación puidesen afectar o xacemento, solicitáronlle á DXPC que  adoptase as medidas necesarias para protexer este ben patrimonial.

Muros, parapetos e entrada do Castro da Maradona, en Barreiros / Mariña Patrimonio

Protección

Aínda que dende o Servizo de Arqueoloxía se contestou que daban traslado de todos os datos ao Servizo de Vixilancia e ao Servizo de Patrimonio  de Lugo, tendo en conta a posible relevancia do achado e debido a que sistematicamente a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural – Consellería de Cultura desatende as solicitudes nas que figura Mariña Patrimonio,  ambas sociacións concertaron unha entrevista coa alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, para informala da descuberta do novo xacemento así como do boicot da Consellería de Cultura.

O pasado venres 11 de setembro, grazas ás xestións realizadas por Ana Ermida, un arqueólogo do Servizo de Arqueoloxía de Santiago achegouse a Barreiros para inspeccionar o xacemento da Maradona. Trala inspección do lugar, o técnico de Patrimonio confirmou a existencia do castro e sinalou que a edificación que aparece no xacemento, pola súa morfoloxía e ubicación, podería tratarse dunha sauna, mais para poder aseguralo cumpriría facer unha escavación arqueolóxica.

Pá escavadora no castro da Maradona, en Barreiros / Mariña Patrimonio

Pode que che interese...