Descuberta unha das mámoas máis monumentais da Mariña, afectada por unha corta de eucaliptos | Historia de Galicia
Unha das maiores mámoas da Mariña, atopada en Xove / Mariña Patrimonio

Descuberta unha das mámoas máis monumentais da Mariña, afectada por unha corta de eucaliptos

Tempo de lectura: 2 min.

Mariña Patrimonio vén de solicitar á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a catalogación e protección de dúas novas mámoas  descubertas na parroquia da Rigueira, no Concello de Xove (Lugo). Grazas á información facilitada por un profesor da zona, Mariña Patrimonio puido localizar no lugar de Corveira unha das mámoas máis monumentais da Mariña, que conta cuns 20m de diámetro e uns 2m de alto.

A plantación de eucaliptos, que se realizou recentemente sobre este monumento megalitico, deixou á vista parte da coraza pétrea que cobre a mámoa. Os citados labores forestais afectaron especialmente a parte superior da mámoa onde, a pesar de todo,  se aprecia claramente o cono de violación.

A mámoa de Corveira atópase nas proximidades da coñecida e excepcional mámoa de Guilan, descuberta por Mariña Patrimonio no ano 2017.

Outra mámoa descuberta e afectada por eucaliptos

Por outra banda, esta entidade tamén descubriu no lugar de Labradela  o túmulo de Modia de Lamoso. Esta mámoa ten uns 14m de diámetro, apréciase o cono de violación e restos da coraza. Como acontece co túmulo de Corveira, este monumento está tamén afectado por unha plantación de eucaliptos.

Mámoa afectada por unha plantación de eucaliptos en Xove / Mariña Patrimonio

“Debido a que nos últimos tres anos a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural non atende as solicitudes presentadas por Mariña Patrimonio, son moitos os bens patrimoniais que quedan fóra do Catálogo e, polo tanto, desprotexidos”, denuncia. Por este motivo, a asociación achegou ao Concello de Xove outra solicitude para que inste á DXPC a catalogar e protexer estes dous novos monumentos megalíticos aparecidos no seu concello.

Críticas a Patrimonio polo seu “pueril boicot”

A mámoa de Guilán, descuberta por Mariña Patrimonio en 2017, si figura no Catálogo de Bens Patrimoniais grazas a que nese momento a asociación decidiu presentar a solicitude a través doutra persoa. “Porén, non correron a mesma sorte outros seis bens patrimoniais descubertos no mesmo ano e cuxas solicitudes asinou Mariña Patrimonio”, indica agardando que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural “remate co seu pueril boicot” contra a citada asociación e cumpra coa súa obriga de catalogar e protexer o patrimonio.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: